O Concello de Boqueixón conmemorará o Día das Letras Galegas cun completo festival. A cita, que conta co apoio da Deputación da Coruña para a súa celebración, desenvolverase o vindeiro domingo 16 de maio nas Ínsuas de Gres (Ponte Ledesma).
A organización salienta que se escolleu esta localización pola súa relación coa vida e obra de Xosé Neira Vilas, que da nome ao certame anual de relato curto. Ademais, destacan que a ínsua na que terá lugar o evento pertence ao Concello de Boqueixón e representa un nexo de unión das dúas bandas do río.
A asistencia a esta cita é de balde, mais o aforo estará limitado. Por iso, cómpre formalizar unha inscrición previa no Departamento de Cultura (cultura@boqueixon.gal ou no teléfono 981 513 115) antes do 14 de maio.
Co fin de realizar unha distribución dos espazos de acordo cos protocolos de seguridade e prevención fronte á COVID-19, prégase ás persoas asistentes que acudan a Ponte Ledesma arredor das 11.45 horas. En caso de choiva, o festival trasladarase ás instalacións da Casa da Cultura de Camporrapado.
O Festival das Letras Galegas contará cun completo programa que comezará ás 12.00 horas. Duende Sico ofrecerá o espectáculo teatral e musical para público familiar A mestra da lingua. Esta proposta complementarase con diverso tipo de actividades de animación e promoción da lingua galega.
Galardóns a escritores e escritoras noveis
O acto central deste festival será a entrega de premios do VII Certame de relato curto Xosé Neira Vilas. Todas as persoas asistentes a este acto recibirán cadanseu libro recompilatorio dos traballos galardoados neste concurso de escritores e escritoras noveis.
Nesta edición, presentáronse máis de medio cento de traballos creados por escolares de Educación Primaria e Secundaria. As propostas están a ser valoradas polo xurado, composto polas seguintes persoas:
- Presidenta: Rosario Iglesias Iglesias, técnica de Cultura do Concello de Boqueixón.
- Vogais: Manuel Vilaboa Cebreiro, profesor de galego no CPIP Antonio Orza Couto; Mª Rosario Golmar Saavedra, membro da Fundación Xosé Neira Vilas, e Xosé Manuel Lobato Martínez, presidente da Asociación cultural Mestre Manuel Gacio.
O Certame de relato curto Xosé Neira Vilas retoma a súa actividade logo dun ano sen poder celebrarse por mor da pandemia. Esta cita está impulsada polo Concello de Boqueixón, en colaboración coa Fundación Xosé Neira Vilas e o CPIP Antonio Orza Couto. O seu obxectivo é potenciar a lectura e a creatividade literaria entre escolares, ademais de fomentar valores como a liberdade, o respecto e a tolerancia.