O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou un anuncio da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación polo cal se deron a coñecer as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio, e se procede á súa convocatoria e á apertura do prazo para a adhesión dos comercios.
Trátase dunha iniciativa que pretende dinamizar o comercio da comunidade autónoma e cuxo prazo de adhesión comezou o 15 de abril. A través do portal web https://www.bonosactivacomercio.gal/ ofrécese máis información sobre esta cuestión. Os establecementos comerciais interesados en adherirse a esta iniciativa teñen ata o 15 de maio para formalizar a súa solicitude. Pola súa banda, a clientela poderá iniciar a descarga dos bonos desconto correspondentes a partires do 3 de maio, data na que tamén se poderá consultar a listaxe de comercios adheridos.
Na presentación desta iniciativa, o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, salientou que esta medida, que conta coa colaboración da Federación Galega de Comercio nesta medida, dispón dun orzamento de 10 millóns de euros que se repartirán en bonos de desconto de 30 euros dos que se poderán beneficiar ao redor de 330.000 clientes. Preténdese, así, mobilizar 55 millóns de euros para dinamizar as vendas nos establecementos de proximidade de toda Galicia e contribuír, deste xeito, á súa reactivación.
Segundo explicaron dende a Vicepresidencia Segunda, este bono funcionará a través dunha aplicación móbil ofrecendo descontos de 5 euros por compras iguais ou superiores a 30, así como descontos de 10 euros se son iguais ou supriores a 50 cun período de validez de tres meses desde o seu lanzamento, previsto para principios de maio.