A Deputación da Coruña ten aberto ata o 5 de maio o prazo de solicitude para participar nas accións de Competencias Clave de nivel 2 e 3 do Proxecto PEL Emprego Sustentable no Ámbito Rural. O procedemento permite que cada persoa tramite xa directamente a súa solicitude a través de trámite on line, pero tamén descargar o formulario, imprimilo enchelo e entregalo, xunto a documentación que corresponda, no rexistro municipal para o seu trámite por parte de aquelas persoas que carezan de sinatura ou DNI/certificado electrónico, facilitando así o acceso a trámites electrónicos a persoas físicas non obrigadas de momento a ter sinatura ou certificado. Pódese acceder directamente ao apartado da sede electrónica do Concello de Boqueixón para formalizar a devandita solicitude premendo aquí. O documento básico de solicitude atópase no anexo ou aquí.
Requisitos persoas solicitantes
Persoas desempregadas, non ocupadas e non integradas nos sistemas de educación ou formación, inscritas na Oficina de Emprego que lle corresponda, e que ademais cumpran os seguintes requisitos:
- Ter cumpridos os 16 anos de idade.
- Estar empadroado/a en algún dos concellos do territorio do proxecto (poboación inferior a 50.000 habitantes).
- Saber ler e escribir.
- Pertencer a algún dos seguintes colectivos:
– Persoas desempregadas de longa duración (PLD).
– Xuventude menor de 30 anos non participante en accións do Programa Operativo de Emprego Xuvenil (POEJ).
– Persoas maiores de 55 anos.
– Persoas con certificado de discapacidade sen impedimento físico ou psíquico que lle impida o normal desenvolvemento das accións formativas e da profesión á que vai asociada esa formación.
– Persoas inmigrantes.
– Persoas pertencentes a minorías étnicas e comunidades marxinadas.
– Outros colectivos desfavorecidos como: participantes que viven en fogares compostos dun único adulto con fillos ao seu cargo; persoas sen fogar ou afectadas pola exclusión en materia de vivenda; vítimas de violencia de xénero; vítimas de discriminación por orixe racial ou étnico, orientación sexual e identidade de xénero; solicitantes de asilo; persoas con problemas de adicción; persoas reclusas e ex reclusas; perceptoras de rendas mínimas ou salarios sociais; persoas con fracaso ou abandono escolar.
– Outras persoas en situación de vulnerabilidade acreditada por un informe dos Servizos Sociais Municipais.
Procedemento de selección para o acceso á formación
As fases a seguir no proceso de selección de persoas participantes e os criterios serían:
1. Inscrición e presentación de solicitudes: todas as persoas interesadas en participar deberán entregar a documentación esixida nos prazos establecidos a través da sede electrónica do concello no que estean empadroadas.
2. Baremación de criterios de carácter xeral: o persoal técnico do concello dos servizos de emprego e desenvolvemento local, e ou orientación, é o encargado de estimar ou desestimar as inscricións recibidas en función de se cumpre ou non requisitos de acceso e a documentación presentada está completa e é correcta.
Non se admitirán inscricións que non vaian acompañadas da documentación requirida ou esta non sexa lexible ou se corresponda coa información solicitada.
De entre todas as solicitudes admitidas, realizarase unha valoración conforme ao baremo establecido (Avaliación da situación de vulnerabilidade social, segundo o previsto no proxecto PEL Emprego sustentable no ámbito rural) outorgando 1 punto por cada unha das circunstancias de vulnerabilidade que reúna a persoa solicitante segundo os establecidos no apartado 2.
Reservas de prazas para mulleres:
Competencias clave de nivel 2: 21 mulleres en cada unha das 8 edicións
Competencias clave de nivel 3: 20 mulleres en cada unha das 2 edicións
3. Entrevista Persoal: valoración de 0 a 3 puntos, realizarase unha entrevista ás primeiras 10 persoas, unha vez baremada a súa situación de vulnerabilidade, e na que se valorarán aspectos tales como a motivación, a seguridade no compromiso, a non existencia de accións persoais programadas que impidan a asistencia continuada (eventos familiares, cirurxías, viaxes, etc.) adecuación do itinerario e a acción formativa solicitada a súa traxectoria formativa ou laboral, ao seu obxectivo profesional e a existencia dun proxecto de diversificación profesional coherente no seu caso.
Sedes das distintas accións formativas
Pódense consultar no arquivo anexo ou premendo aquí.
Documentación dixitalizada que se ten que acompañar ao envío do formulario de inscrición (pódese descargar o documento completo no anexo ou premendo nesta ligazón)
- Documento Nacional de Identidade (DNI) ou Número de Identificación de Estranxeiros (NIE) no seu caso.
- Certificación emitida polo SEPE de estar inscrita como persoa desempregada
- No caso da mocidade (menores de 30 anos), certificado de inscrición no sistema de garantía xuvenil
- Certificado ou Volante de empadroamento.
- Nas solicitudes de formación específica: Acreditación do nivel académico máximo que permita o acceso a certificados de profesionalidade do nivel correspondente, un único documento.
- Achega de documento acreditativo ou informe emitido por servizos sociais municipais que confirme a situación vulnerabilidade cando corresponda
- Documento de concesión de prestacións sociais e/ou económicas (RISGA, PNC, pensión contributiva, rendas activas de inserción, prestación por desemprego, subsidio por desemprego, etc.)
- Certificado emitido polo SEPE de non figurar como beneficiario de prestación ou subsidio de desemprego
- Declaración responsable da solicitante de non percibir rendas ou ingresos mensuais, iguais ou superiores ao 75% do IPREM vixente
Axuda económica para as persoas participantes
As persoas participantes nos itinerarios de PEL Emprego Sustentable no Ámbito Rural terán dereito á percepción dunha axuda económica en forma de bolsa se carecen de rendas ou ingresos de calquera natureza, iguais ou superiores en cómputo mensual ao 75% do IPREM vixente cada ano, segundo o establecido na lei de Orzamentos Xerais do Estado.
Para poder percibir esta axuda, a persoa participante deberá completar o itinerario de formación, obtendo o diploma acreditativo ou o certificado de profesionalidade que corresponda, admitindo so ausencias xustificadas de ata o 10% das horas totais da duración.
No caso de ausencias superiores ao 10%, aínda que foran xustificadas, non se considerará completado o itinerario formativo e perderase o dereito á obtención da bolsa económica.
Unha vez determinado o número total de horas de asistencia de cada persoa participante, a deputación da Coruña , aboará, nun único pago, as axudas que correspondan a aquelas que completen o itinerario e cumpran os requisitos para a súa obtención.
Adxuntos
- SEDE FORMACION COMPETENCIAS CLAVE (150 kB)
- ANEXO II listaxe de documentación a presentar (150 kB)
- ANEXO-I SOLICITUDE INSCRIPCION (817 kB)