O Concello de Boqueixón vén de iniciar unha nova campaña de concienciación medioambiental coa adquisición de 900 composteiros. Unha iniciativa que supuxo un investimento de preto de 60.000 euros e que conta co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e do fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
“Este proxecto vén a completar as dúas anteriores campañas de compostaxe doméstica e recollida selectiva que levamos a cabo dende o Concello en anos anteriores e que derivaron na entrega de 200 composteiros entre a veciñanza”, explica o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín. Os principais obxectivos desta iniciativa son o fomento da reutilización e reciclaxe e a minimización de residuos; a sensibilización da poboación en materia mediambiental e reducir o verquido final de depósitos controlados, especialmente dos biodegradables e de materiais recuperables.
Para acadar os devanditos fins, o Concello de Boqueixón vén de abrir o prazo de solicitude de composteiros. As persoas interesadas deberán remitir o correspondente formulario (dispoñible no arquivo anexo) ao enderezo electrónico compostaxe@boqueixon.gal antes do 15 de maio. “Repartirémolos en varias fases, de xeito que poidamos chegar ao maior número de vivendas posible”, indica o rexedor.
Unha vez recibidas as peticións dentro deste primeiro prazo, convocarase ás persoas solicitantes para unha charla informativa. Nela falarase sobre o uso dos composteiros para despois facer entrega dos mesmos á poboación interesada. Para velar pola axeitada manipulación dos colectores, realizarase un seguemento da súa utilización. Deste xeito, búscase asegurar que se está a cumprir con todas as indicacións pertinentes no tocante ao seu uso, garantindo o axeitado tratamento dos residuos orgánicos nos fogares do municipio.
Esta nova campaña de concienciación medioambiental tamén inclúe o reparto de diversos materiais entre a veciñanza. Así, distribuiranse entre a poboación trípticos informativos (tamén no arquivo anexo) nos que se dá conta das múltiples posibilidades de reciclaxe, especificando, ademais, os diferentes tipos de contedores de recollida selectiva e que tipo de residuos se deben depositar en cada un deles.
Esta campaña informativa fará tamén especial fincapé nos beneficios e vantaxes da compostaxe caseira. “Buscamos concienciar sobre a importancia de reducir a pegada medioambiental a través de pequenas accións no día a día. Cómpre que entre toda a poboación sumemos esforzos para coidar a nosa contorna”, conclúe o rexedor boqueixonés.
Adxuntos
- Ficha_composteiros_2021 (145 kB)
- Triptico Compostaxe (3 MB)