O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañados polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, visitaron esta mañá o Concello para coñecer, de primeira man, o proxecto de emprendemento dun emigrante retornado. Trátase de Manuel Sangiao, que, a través do programa de Axudas ao Retornado Emprendedor da Xunta puido poñer en marcha o seu negocio en liña: unha canle de YouTube con detallados tutoriais sobre carpintería e bricolaxe.
“Para nós, é todo un orgullo que Boqueixón se converta nun lugar de referencia para o emprendemento. Se deciden instalarse aquí é porque no noso Concello contan con servizos atractivos e de utilidade, que serven para que a poboación se asente no noso territorio”, afirmou o rexedor boqueixonés. En concreto, Fernández Munín apuntou a servizos como “a fibra óptica, que se seguirá estendendo ás distintas aldeas. Dende o Concello estamos a traballar para que este servizo fundamental poida estar dispoñible canto antes”.
Baixo o nome de Lápiz de Carpintero, Manuel Sangiao acadou en medio ano 700 subscritores á súa canle de YouTube. O seu espazo de traballo atópase nun galpón xa acondicionado para a gravación de vídeos que se poden ver en todo o mundo. De feito, o propio Sangiao indicou que “moitos dos subscritores proceden de México. Neste tipo de traballo, como en moitos outros, hai que ter en conta os detalles… Este negocio vive da publicidade e tamén dos patrocinios de distintas marcas. O meu vindeiro obxectivo pasa por abrir un e-commece no que vender os meus propios produtos”, indicou.
Este emprendedor puido poñer en marcha a súa empresa grazas a unha axuda de 7.000 euros do programa específico da Secretaría Xeral da Emigración. Grazas ás novas tecnoloxías, asentouse no municipio xunto coa súa muller, Liping Zhao, logo de estar traballando en Londres.