RESOLUCIÓN do 5 de marzo de 2021 pola que se convocan, para a anualidade 2021, as axudas financeiras do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas, con financiamento plurianual (código de procedemento VI406B). Instituto Galego da Vivenda e solo (DOG. núm. 53, xoves, 18 de marzo de 2021)
Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas que promovan as actuacións de rehabilitación, xa sexan propietarias ou teñan calquera outro título que acredite a posesión do inmoble, así como as persoas membros de comunidades de propietarios/as partícipes nas actuacións promovidas pola correspondente comunidade en función da súa porcentaxe de participación.
Así mesmo, as comunidades de propietarios/as poderán ser beneficiarias dos préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios, se ben non poderán obter axudas de subsidiación dos xuros dos citados préstamos.
Obrigas das persoas e das comunidades de propietarios/as beneficiarias
As persoas e as comunidades de propietarios/as beneficiarias, ademais das recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, terán as seguintes obrigas:
a) Destinar o importe íntegro do préstamo ao pagamento das correspondentes actuacións.
b) Comunicar ao órgano instrutor calquera modificación das condicións que motivaron o recoñecemento da concesión do préstamo ou da axuda de subsidiación que poida determinar a perda sobrevida do dereito ás ditas axudas.
c) Someterse ás actuacións de comprobación e inspección que o IGVS considere pertinentes durante a vixencia da subvención.
d) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.
e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
f) Destinar a vivenda en que se realicen as obras de rehabilitación a residencia habitual e permanente da persoa promotora ou, de ser o caso, da/das persoa/s a quen lla arrende.
Non obstante, esta obriga só será exixible para quen obteña a axuda de subsidiación e durante o período de duración desta.
Requisitos
– Non poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas propietarias de locais, agás os casos en que se pretenda a súa conversión en vivenda.
– Para acceder aos préstamos, os ingresos da unidade de convivencia da persoa solicitante non deberán superar 6,5 veces o Indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM). Esta limitación non se aplicará aos supostos de préstamos solicitados directamente polas comunidades de propietarios/as.
– Para poder acollerse ás axudas económicas directas, os ingresos da citada unidade de convivencia non poderán ser superiores a 5,5 veces o IPREM.
– Non poderá obter a condición de persoa beneficiaria quen incorra nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Prazo e presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 1 de setembro de 2021 e, respecto ás axudas económicas directas de subsidiación, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, que será publicado no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
A solicitude realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta resolución, que está dispoñible tamén na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), e acompañarase da documentación establecida no artigo sétimo e oitavo da Resolución. Deberá dirixirse á dirección xeral do IGVS.