O conselleiro do Medio Rural, José González, participou onte nunha plantación simbólica de carballos nos terreos do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude. Este acto desenvolveuse con motivo da celebración do Día internacional dos Bosques instituído por Nacións Unidas para poñer de manifesto a importancia destes ecosistemas e sensibilizar á poboación sobre a necesidade da súa adecuada protección, ordenación e fomento.
Durante a súa visita, José González estivo acompañado polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, e polo delegado provincial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan; do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e polo deputado autonómico Ovidio Rodeiro. O conselleiro do Medio Rural escolleu Boqueixón para este acto, xa que se está a traballar na reconversión do Pazo de Quián no escaparate do rural galego. Neste senso, búscase a potenciación deste espazo a través da creación dun parque forestal para resaltar a multifuncionalidade e diversidade dos montes galegos.
Durante esta plantación simbólica de carballos, tamén se amosou o procedemento de implantación dun souto de castiñeiro para aproveitamento de froito nestas mesmas instalacións. Segundo explican dende a Xunta, esta plantación servirá como base para posteriores actividades demostrativas sobre os distintos aspectos deste cultivo e as características das diferentes variedades de castiñeiro empregadas.
O conselleiro do Medio Rural indicou que a posta en marcha deste parque forestal é, precisamente, un dos eixos da proposta gañadora do concurso de ideas para este espello do rural que se desenvolverá por fases. Así, primeiro darase prioridade á reforma do Centro de Formación e, en etapas posteriores, proxéctase levantar unha especie de escaparate das actividades e dos produtos agroalimentarios e forestais integrado coa paisaxe, dadas as súas óptimas condicións de miradoiro cara ao Pico Sacro.