A Asociación Cultural da Filloa de Lestedo vén de facer entrega dos premios do seu concurso fotográfico Filloarte; unha iniciativa desenvolvida en colaboración co Concello de Boqueixón. O presidente da agrupación, José Manuel Canabal, foi o encargado presidir, xunto coa concelleira de Servizos Sociais boqueixonesa, Ana María Seijo, un acto no que a solidariedade foi o denominador común. Este desenvolveuse no Campo da Feira de Lestedo.
Dacordo coas bases do concurso, que se celebrou a través da páxina de Facebook da Filloa de Lestedo (https://www.facebook.com/filloaoficial), as propostas vencedoras serían aquelas que recibisen maior número de gústame no prazo establecido para as votacións. Así, os resultados foron os seguintes:
- Primeiro premio: ‘Terra e Mar’ (Pastel de filloa e marisco), de Verónica Pardo López – con 2861 gústame, 203 encánte e 3 impórtame
- Segundo premio: ‘A faísca é arte’, da Familia Canabal Peón – con 2340 gústame, 36 encántame e 1 impórtame
- Terceiro premio: ‘Filloas que se comen cos ollos’, de Esteban Vieitez Carracedo – con 1812 gústame, 273 encántame e 2 impórtame
O concurso Filloarte repartíu 350 euros en premios. Así, a primeira proposta clasificada levaría 200 euros en vales de compra en establecementos de Boqueixón, mentres que a segunda, quedaría con 100, e a terceira, con 50. Durante a entrega de galardóns, as dúas primeiras persoas galardoadas (ambas as dúas de Lestedo) decidiron entregar cadanseu vale ao Departamento de Servizos Sociais de Boqueixón. Un xesto que agradeceu Ana María Seijo en nome do Concello.
Dende a Asociación Cultural da Filloa de Lestedo amosaron a súa satisfacción pola elevada participación neste concurso fotográfico. “Aínda que no se puidese celebrar a festa, conseguimos que a Filloa de Lestedo estivese presente en distintos recunchos da bisbarra e incluso alén mar”, indicou José Manuel Canabal. De feito, o álbum fotográfico no que se amosaron as máis de medio cento de imaxes foi visto por preto de 95.000 persoas, que realizaron máis de 3.000 interaccións durante o período de votacións (entre o 21 de febreiro e o 7 de marzo).
Dentro das accións da Festa da Filloa deste ano, tamén se atopou a estrea da páxina web da celebración: www.festadafilloadelestedo.gal. Nela inclúese tanto información sobre a creación da celebración, así como detalles sobre a elaboración da Filloa de Lestedo, o Entroido da Ulla e tamén imaxes das últimas edicións.