A Casa da Cultura de Camporrapado retoma a súa actividade cultural coa posta en escena de dous espectáculos teatrais durante este mes. A primeira das sesións terá lugar o vindeiro 21 de marzo ás 18.00 horas coa comedia Running, de De Ste Xeito Producións. A segunda ofrecerase o seguinte domingo 28 coa representación de Tabú, interpretada por Tarabela Creativa. Ambas as dúas obras están dirixidas a público maior de 12 anos e desenvólvense co apoio da Deputación provincial da Coruña.
As entradas son de balde, previa reserva a través do e-mail cultura@boqueixon.gal ou no teléfono 981 513 115 ata tres días antes de cada espectáculo. O aforo está limitado e durante os espectáculos tomaranse as medidas de seguridade e prevención contra a expansión da COVID-19.
A comedia Running presenta a relación imposible entre Xulia e Román –interpretados por Sergio Macías e Stephy Llaryora, respectivamente-. Trátase dunha peza creada por Esther Carrodeguas, que se centra, en clave de humor, nas dificultades de relacionarse nestes tempos de présas.
Pola súa banda, e con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller, porase en escena a obra Tabú. Este espectáculo de Carmen Conde realiza un repaso á erótica e sexualidade da mocidade a través das conversas con mulleres de entre 70 e 95 anos procedentes de distintos puntos da costa galega. Un show de narración oral que ten como principal obxectivo transmitir as historias de confusión, segredismo, amor, picaresca e sexualidade das avoas e que poden explicar por que as mulleres de agora son fillas do tabú.
Dende o Departamento de Cultura animan á veciñanza a asistir a ambos os dous espectáculos. Ao tempo, lembran que é imprescindible a reserva previa da entrada por motivos de aforo.