8M no Camiño da Igualdade é o lema da campaña de sensibilización que os Concellos de Boqueixón, Touro e Vedra -integrados no Centro de Información á Muller (CIM) boqueixonés- poñen en marcha con motivo da celebración do Día Internacional da Muller. A presentación desta iniciativa conxunta tivo lugar esta mañá no Consistorio boqueixonés e contou coa presenza das concelleiras de Igualdade de Boqueixón, Ana María Seijo, e Vedra, Susana García, e coa edil de Cultura, Deportes e Educación de Touro, Adela Iglesias.
A directora do CIM, Cristina Carbajales, salientou que con esta proposta “os tres Concellos pretenden camiñar e avanzar de xeito conxunto en accións que potencien e que traballen na concienciación da veciñanza para que a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres sexa unha realidade. Búscase fomentar, deste xeito, que todas as persoas poidan ocupar na sociedade o lugar que desexen”. Ao mesmo tempo, tamén se reforza o rexeitamento “a unha das desigualdades máis crueis que se atopan neste camiño da igualdade: a violencia contra a muller”.
Pola súa banda, as representantes de Boqueixón, Touro e Vedra coincidiron á hora de salientar a importancia de proxectos deste tipo. Ademais, puxeron de manifesto “a grande responsabilidade que teñen as administracións locais –as máis próximas á cidadanía- en potenciar unha sociedade progresista e na defensa e fomento da igualdade real entre homes e mulleres”. Un proceso de concienciación que se debe estender a todo o ano.
Obradoiros e material divulgativo
A posta en marcha da campaña 8M no Camiño da Igualdade, comprende o desenvolvemento de diversas accións durante este mes de marzo. Así, os tres Concellos procederán ao reparto de material divulgativo entre a poboación co fin de visilibilizar e potenciar a mensaxe deste 8M.
Como complemento, ofreceranse diversos obradoiros e actividades dirixidas especialmente á mocidade. No caso de Boqueixón, desenvolveranse catro obradoiros dirixidos ao alumnado de Educación Primaria e Secundaria. Terán lugar dentro do programa de conciliación Venres de Lecer e comprenderán a posta en marcha de iniciativas de carácter lúdico a través das cales se tratará a temática da igualdade dun xeito divertido. Así, as propostas variarán dende un obradoiro con xoguetes –para 1º e 2º de Primaria- ata unha sesión de escape –para o alumnado de Secundaria-, que se combinarán con un taller de contos para 3º e 4º de EP e unha proposta tipo Pekín Express para 5º e 6º de EP.
Pola súa banda, o Concello de Touro iniciará a súa programación o propio luns 8 de marzo cun obradoiro de xogos dirixido ao alumnado do PAI que se centrará en Educar en Igualdade. Farase tamén un reparto de pulseiras conmemorativas entre escolares do CPI Fonte Díaz, onde o profesorado tamén tratará a temática da igualade. O mércores 10 ofrecerase unha sesión de artes escénicas co espectáculo O pozo das mulleres. A maiores, repartirase durante todo o mes de marzo entre a veciñanza unha bolsa na que co lema Camiñando cara á igualdade como símbolo de loita contra a desigualdade.
No caso de Vedra, o acto central terá lugar o propio 8M coa acción creativa de carácter artístico e colaborativa De Muller a Muller. Buscarase dar visibilidade ás mulleres na sociedade a través da fotografía. As propostas comezarán mañá co espectáculo As aventuras de Nabiza Girl na Nave da Estación de Tren de Santa Cruz de Ribadulla e finalizarán o día 13 de marzo cunha sesión de Escape Feminista dirixida á mocidade. Durante todo mes desenvolveranse diversas accións nos centros educativos a través de obradoiros, murais cooperativos, contacontos e xogos, que se basearán nos materiais divulgativos e de concienciación que se difundirán entre a poboación.