O Concello de Boqueixón vén de poñer en marcha unha iniciativa para dinamizar o comercio local. Trátase da creación -de xeito gratuíto- dun Marketplace, un espazo de venta en liña onde os distintos establecementos poderían poñer á disposición do público os seus produtos.
“Con esta proposta pretendemos favorecer a creación doutras vías de negocio para o noso pequeno comercio a través da Internet. A crise sanitaria propiciou un cambio moi grande nos hábitos de consumo e na adquisición de produtos, implantándose cada vez máis o comercio electrónico. É por iso que dende o Concello queremos axudar ao noso empresariado a poñer á disposición da clientela os seus produtos a través dunha mesma plataforma”, explica o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín.
Para informar sobre esta nova proposta, organízase unha reunión explicativa que terá lugar o vindeiro 15 de marzo ás 20.00 horas na Casa da Cultura de Camporrapado. Para asistir, cómpre formalizar inscrición previa a través do enderezo electrónico emprego@boqueixon.gal ou no teléfono 981 513 061.
Dadas as restricións sanitarias actuais, o aforo estará limitado. Tomaranse todas as medidas de seguridade e prevención necesarias contra a expansión da COVID-19.
Dende o Concello de Boqueixón animan ao empresariado local a sumarse a esta iniciativa. Ao tempo, lembran que nin o acceso á plataforma nin á venda terán ningún tipo de custo ou comisión.