O Centro de Información á Muller (CIM) de Boqueixón organiza unha programación especial con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller (8M). Unha efeméride que se porá en valor a través do desenvolvemento dun total de catro obradoiros dirixidos ao alumnado de Educación Primaria e Secundaria.
Segundo explican dende o CIM, o obxectivo desta iniciativa é “ofrecer tres xornadas nas que se tratará a temática da igualdade dun xeito divertido”. Os catro obradoiros desenvolveranse durante todo o mes de marzo dentro do programa de conciliación Venres de Lecer, en horario de tarde.
As actividades son de balde, previa inscrición ata tres días antes da actividade no enderezo electrónico cim@boqueixon.gal ou no teléfono 981 513 115. As prazas son limitadas. Durante o desenvolvemento dos obradoiros, e dada a situación sanitaria actual, adoptaranse todas as medidas de prevención contra a expansión da COVID-19.
A primeira das sesións, dirixida a escolares de 1º e 2º de Educación Primaria, terá lugar o venres 5 de marzo entre as 15.30 e as 17.15 horas. Baixo o título de CoñecéndoAs, ofrecerase un Memori xigante no que o alumnado poderá comprobar como os xogos e os xoguetes predispoñen á elección das profesións.
Para o venres 12 de marzo, tamén de 15.30 a 17.15 horas, organízase o obradoiro Non me chames princesa. Centrado no alumnado de 3º e 4º de Educación Primaria, comprenderá diversas dinámicas teatrais e a realización dunha chapa.
A xornada do venres 26 de marzo contará con dous obradoiros. O primeiro deles, Igualdade Express, celebrarase entre as 15.30 e as 17.15 horas e dirixirase ao alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria. A modo Pekín Express, organizaranse diversas probas que a mocidade participante deberá ir superando ata chegar á meta.
Finalmente, entre as 18.15 e as 20.00 horas, o alumnado de Educación Secundaria poderá gozar do Scape School. Trátase dunha actividade de escape con perspectiva de xénero, na que as persoas asistentes deberán atopar as chaves que lles permitan abrir os cadeados.
Dende o CIM de Boqueixón animan á mocidade a inscribirse nestes obradoiros. Ademais de pasar unha tarde divertida, poderán aprender máis sobre a igualdade e como aplicala no seu día a día.
O programa especial con motivo do 8M conta co apoio do Ministerio de Igualdad (Pacto de Estado) e da Secretaría Xeral de Igualdade.