O Concello de Boqueixón vén de dar comezo as actividades do Entroido Activo. Este programa de conciliación familiar e laboral conta cun total de nove escolares de Educación Infantil e Primaria. As propostas desenvolveranse en horario de 09.00 a 14.00 horas.
Co fin de cumprir con todos os protocolos e recomendacións sanitarias para evitar a expansión da COVID-19, establecéronse tres grupos de tres participantes. As actividades de lecer, dirixidas por unha monitora por grupo, desenvólvense en distintos espazos das instalacións de O Forte e do CPIP Antonio Orza Couto.
Esta primeira xornada comezou coa creación dun mural coa temática do Entroido. Cada un dos grupos está a decorar unha parte para despois proceder a unilas todas como lembranza destas xornadas de lecer desenvolvidas da man deste programa municipal de conciliación familiar e laboral. Ademais, realizáronse distintas máscaras traballando as emocións. Para o mércores, está prevista a realización dun obradoiro de filloas ao que se sumarán contacontos, xogos musicais e outras dinámicas.