A Xunta vén de adxudicar o proxecto de construción da nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Sergude. Así o anunciaron dende a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia. O proxecto, cuxo custo ascende a case 1,67 millóns de euros, será acometido pola empresa Vázquez y Reino, SL, que contará cun prazo máximo de 12 meses para habilitar esta infraestrutura.
Segundo explican dende a Xunta, “os traballos consistirán na execución da estación depuradora de augas residuais en Sergude e colectores, unha nova planta deseñada para 3.000 habitantes equivalentes, o que permitirá triplicar a capacidade da depuradora actual”. Deste xeito multiplicarase por tres a capacidade tratamento das augas residuais da depuradora existente. Dende o Concello de Boqueixón valoran moi positivamente o inminente comezo da execución deste proxecto, que mellorará os servizos básicos da veciñanza das parroquias de Sergude e Lestedo.
A nova EDAR construirase a carón da actual, nuns terreos cedidos polo Concello de Boqueixón. A futura infraestrutura incluirá os seguintes procesos: liña de auga, liña de fangos e redes auxiliares de proceso.
O proxecto desta nova infraestrutura, cuxos terreos foron visitados o pasado mes de agosto -intre ao que pertence a imaxe desta nova-, inscríbese no marco do convenio de colaboración asinado por Augas de Galicia co Concello de Boqueixón. O organismo autonómico encárgase de achegar a maior parte do financiamento e de contratar a execución das obras, mentres que ao Concello correspóndelle o cofinanciamento, a xestión (e cesión) dos terreos para a futura planta de tratamento de augas residuais e asunción da súa conservación e explotación unha vez rematados os traballos. As actuacións contan co cofinaciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.