A Consellería do Medio Rural vén de poñer en funcionamento o servizo do 012 para facilitar a presentación telefónica de declaracións responsables de cortas de madeira para uso doméstico. Segundo explican dende o Departamento Autonómico, “o servizo está destinado a aqueles cidadáns que teñen dificultades para realizar o trámite a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia e soamente estará dispoñible para aquelas cortas de madeira cuxo destino sexa o uso doméstico, que non vaian ser obxecto de comercialización e que non teñan afeccións”. Así, os axentes do 012 comprobarán se as parcelas onde vai realizarse a corta non teñen afeccións sectoriais ou de protección do dominio público e se non é posible a aplicación da orde de pregos nese caso indicarán que debe tramitarse unha solicitude de autorización polo procedemento ordinario.
As persoas interesadas deberán dispoñer da información básica do aproveitamento -especies, número de árbores, peso ou volume aproximado e referencia catastral da parcela- no momento da chamada, e serán guiadas ata a completa presentación da súa declaración responsable, cubríndose os mesmos datos que no procedemento da Sede Electrónica