Boqueixón e Vedra comezan a sentar as bases para o seu futuro centro de día compartido. Os rexedores boqueixonés, Manuel Fernández Munín, e vedrés, Carlos Martínez Carrillo, mantiveron o xoves un encontro coas Traballadoras Sociais de ambos os dous municipios, Ana Anta e Ana Aldrey, co obxectivo de perfilar as principais liñas a seguir para a redacción do proxecto para a creación deste recurso de proximidade.
Os alcaldes coincidiron á hora de salientar “a importancia de contar cun servizo como este, xa que existe unha demanda real por parte das familias, nalgúns casos, con persoas cun grao de dependencia avanzado”. Unha necesidade que ambos os dous rexedores trasladaron recentemente á conselleira de Política Social, Fabiola García, nunha reunión telemática.
No encontro, celebrado no salón de plenos vedrés, acordouse que as técnicas de Servizos Sociais comezasen a traballar nunha memoria do modelo de atención. Neste senso, barallaranse dúas posibilidades: a posta en marcha dun centro de día compartido ou a incorporación a maiores dunha pequena residencia.
As dúas Traballadoras Sociais iniciarán tamén unha rolda de contactos con distintos profesionais do eido co fin de propoñer o modelo de xestión de atención acorde ás necesidades de ambos os dous municipios. Este traballo conxunto inicial materializarase nunha memoria técnica do proxecto, que se presentará, previsiblemente, no mes de xuño.
Pola súa banda, os rexedores de ambos os dous Concellos reuniranse cos servizos urbanísticos para estudar a viabilidade do proxecto, así como outras cuestións relativas á xestión conxunta do servizo. Ademais, porase en marcha unha comisión específica de seguimento. Esta iniciativa xurde do acordo unánime de ambas as dúas Corporacións para ofrecer á veciñanza un servizo que consideran “fundamental” e que permitiría dar resposta á demanda existente de atención a persoas maiores no súa contorna habitual de convivencia.