A Corporación de Boqueixón deu luz verde por unanimidade ao POS+ Adicional para gastos sociais extraordinarios, que supón un investimento de 125.584,38 euros. O acordo ratificouse na sesión extraordinaria celebrada onte e na que tamén se deu luz verde ao POS+ 2021 e aos proxectos incluídos no POS+ 2021 Complementario.
Con respecto ao POS+ Adicional para gastos sociais extraordinarios, o alcalde boqueixanés, Manuel Fernández Munín, desglosou as distintas partidas incluídas neste plan financiado pola Deputación da Coruña. A maior parte do investimento, un total de 87.584,34 euros, “destinarase a ampliar o servizo de axuda a domicilio en todas as súas modalidades, prestando especial atención á de libre concorrencia. Neste senso, buscamos dar cobertura a aquelas persoas que solicitaron esta axuda no 2020 e que aínda non a teñen resolta. Pola información que nos trasladan dende o Departamento de Servizos Sociais, xa contamos con catro persoas en lista de agarda”, explicou.
Tamén nesta partida se contempla “a posibilidade de crear un servizo de estimulación cognitiva a través de medios telemáticos. Trátase dun novo proxecto no que están a traballar dende o Departamento de Servizos Sociais”, anunciou o alcalde de Boqueixón.
Por outra banda, destinaranse 15.000 euros a ampliar as partidas destinadas ás persoas e familias en risco de exclusión social co fin de asegurar a cobertura de necesidades básicas (vivenda, alimentación, electricidade, gastos médicos ou farmacéuticos…). Con 12.000 euros o POS+ Adicional contempla axudas a familias para facilitar a escolarización. O rexedor indicou que, neste caso, “as partidas se centrarían na adquisición de equipos informáticos e no favorecemento do acceso á internet”.
O Plan complétase cunha partida de 6.000 euros para a adquisición de medios de prevención (EPIS) destinados exclusivamente ao persoal de Servizos Sociais e a persoas usuarias dos programas que non conten cos medios para adquirilos. Finalmente, resérvanse 5.000 euros para utilizar en casos de emerxencia social.
Na sesión extraordinaria de onte deuse luz verde ao Plan POS+ 2021 e aos proxectos incluídos no POS+ 2021 Complementario. No primeiro caso, un total de 263.997,69 euros destinaranse a tres proxectos de mellora nos firmes viarios de 7 parroquias do concello, e algo máis de 207.000 euros destinaranse a gastos correntes. No segundo caso, contémplanse un total de 8 proxectos de mellora de firme de viarios nas sete parroquias restantes do municipio. O importe previsto para a súa execución rolda os 430.000 euros.