O Concello de Boqueixón finalizou onte as actividades do Nadal Activo. Este programa de conciliación familiar e laboral desenvolveuse durante as datas festivas nas instalacións municipais do Forte e do CPIP Antonio Orza Couto.
Un total de 12 nenas e nenos de Educación Infantil e Primaria gozaron de dúas semanas cheas de propostas de lecer, sempre respectando todas as medidas de seguridade e prevención contra a expansión da COVID-19. Entre as actividades atopáronse diverso tipo de obradoiros, así como predeporte, visionado de filmes, creación de vídeos, xogos de disfraces e de mesa, ou incluso Ioga.
O programa de conciliación resultou todo un éxito entre as crianzas asistentes. Todas elas puideron gozar de xornadas de lecer diferentes e, ao mesmo tempo, educativas. Dende o Departamento de Educación e Cultura amosaron a súa satisfacción pola boa acollida rexistrada.