O Concello de Boqueixón vén de finalizar as obras de acondicionamento das contornas do pavillón polideportivo de Lestedo e do Campo do Río, en Ponte Ledesma. Ambas os dous proxectos supuxeron un investimento de máis de 60.000 euros. Para a súa execución, contouse co apoio da Axencia de Turismo de Galicia.
“Trátase de dúas actuacións que contribuirán á mellora e posta en valor de dous espazos que son punto de referencia para visitantes e persoas que percorren a Vía da Prata ao seu paso polo municipio”, indica o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín. O rexedor lembrou que tanto no acondicionamento tanto da contorna do pavillón de Lestedo como do Campo do Río “fíxose especial fincapé na integración na paisaxe”.
No caso de Lestedo, habilitouse un área de descanso. “Creamos unha zona de parada, pensando especialmente que este é un lugar de paso dos peregrinos que percorren a Vía da Prata”. Para iso, habilitouse un muro de cachotería con pedra tradicional na pista exterior e na contorna dos antigos vestiarios cun espazo pensado para descanso. Unha zona que se complementou cunha nova senda que fará as veces de pequeno desvío con respecto ao trazado da Vía da Prata ao seu paso polo pavillón de Lestedo.
Pola súa banda, no Campo do Río, nivelouse e acondicionouse o terreo mellorando a accesibilidade e optimizando o acceso ás Ínsuas de Gres. O renovado espazo permitirá paliar os problemas derivados das enchentes do Ulla e que obrigaron no seu día a levar a cabo diversas reformas. O proxecto completouse coa extensión de 20 centímetros de terra vexetal con sementeira que fomente o crecemento de especies vexetais autóctonas.