O delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde do Concello de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, visitaron esta mañá as instalacións de Ps Vet Dairyquality. Esta empresa, afincada no polígono industrial de Sergude foi unha das Pemes beneficiarias do programa Galicia Exporta Dixital, impulsado pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación reforzada e adaptada ás necesidades que ten o tecido empresarial como consecuencia do novo contexto económico provocado pola pandemia da Covid-19. Este plan ten como principal obxectivo dotar ás empresas das ferramentas e infraestruturas necesarias que permitan a súa proxección dixital e, por ende, abrir unha fiestra á súa internacionalización.
Neste senso, Gonzalo Trenor puxo en valor o traballo de todo o equipo desta empresa boqueixonesa dedicada a consultoría veterinaria que recibiu unha achega de máis de 49.000 euros para levar a cabo a dixitalización de todo o proceso de venda dos dos seus produtos a través da Internet. O delegado da Xunta destacou o exemplo dos seus profesionais que o ano pasado recibiron o recoñecemento da Xunta como mellor iniciativa de conciliación laboral e familiar.
O programa Galicia Exporta Dixital beneficiou a un total de 21 empresas de Santiago de Compostela e da súa bisbarra. Este apoio materializouse nun investimento de máis de 840.000 euros. En total, na provincia da Coruña beneficiaranse deste plan de axudas 56 pemes que recibirán unha achega total de 2,1 millóns de euros.
No que se refire ao tipo de medidas que se implementarán, dende a Xunta de Galicia salientaron que “as máis demandadas son as relativas ao software, destacando especialmente os gastos de solucións de inbound márketing internacional para captar, reter, converter e fidelizar a usuarios. Outros dos plans máis solicitados son os relativos á creación e adaptación de tendas online e catálogos en liña para o márketing e vendas en mercados electrónicos obxectivo”, conclúen dende a Delegación Territorial.