Dada a situación sanitaria actual, o Concello de Boqueixón decidiu adaptar un dos actos centrais das vindeiras datas festivas. As Súas Maxestades de Oriente non poderán, como en anteriores ocasións, realizar un encontro con todas as crianzas. Porén, e para seguir mantendo a ilusión da cativada, ofrecerase unha Recepción Real o 5 de xaneiro pola tarde.
Melchor, Gaspar e Baltasar estarán na Casa da Cultura de Camporrapado entre as 15.00 e as 21.00 horas para escoitar as peticións das nenas e dos nenos de Boqueixón. Co fin de cumprir con todas as medidas de prevención contra a expansión da COVID-19, organízanse visitas personalizadas por núcleos familiares. Ademais, establecerase un itinerario de sentido único (con lugares de entrada e saída diferenciados) para garantir que non se formen aglomeracións.
As persoas interesadas en participar nesta actividade deberán cubrir un formulario en liña dispoñible na web municipal (www.boqueixon.gal) e seleccionar unha hora de visita. As crianzas asistentes á recepción dos Reis Magos participarán nun sorteo de agasallos que se desenvolverá, como en anos anteriores, en colaboración con SBC Gasolineras. O sorteo terá lugar ao finalizar a recepción.
As prazas son limitadas e outorgaranse por estrita orde de inscrición. Para calquera información adicional, cómpre poñerse en contacto co Departamento de Cultura (cultura@boqueixon.gal ou no teléfono 981 513 115). Tamén aquelas persoas que non poidan completar a súa inscrición en liña, poderán reservar a súa praza neste mesmo departamento.
Dende o Concello de Boqueixón lembran a importancia de manter todas as medidas de seguridade e prevención en todas as actividades propostas para as vindeiras datas festivas. Así, serán obrigatorios o uso da máscara, o mantemento da distancia de seguridade e a limpeza de mans con xabón ou xel desinfectante.