O espectáculo Un verso, Un cantar regresará a Boqueixón o vindeiro domingo 13 de decembro. A sesión, na que colabora a Fundación Xosé Neira Vilas, desenvolverase ás 19.00 horas na Casa da Cultura de Camporrapado.
A cita terá entrada de balde, pero con aforo limitado, dadas as restricións actuais de prevención fronte á COVID-19. As persoas interesadas deberán solicitar, ata o 11 de decembro, o seu pase a través do formulario web dispoñible nesta ligazón . Para máis información, pódese contactar co Departamento de Cultura (cultura@boqueixon.gal ou no teléfono 981 513 115).
Compromiso coa cultura galega
Un verso. Un cantar é un espectáculo ambientado no século XX onde, segundo explican dende a compañía Queiman e Pousa, “a poesía e canción van da man”, nunha orixinal homenaxe á Emigración Galega. A través de distintas expresións artísticas ofrécese ao público un amplo abano de posibilidades lendo a creadores tan recoñecidos como Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro ou Xosé Neira Vilas.
Teatro, canto e música fusiónanse nesta proposta que supón un firme compromiso coa cultura galega. Ao mesmo tempo, o espectáculo proponse como algo “próximo tanto polo sentimento que agocha tras cada verba ou nota, como pola novidade e amplitude de público que abrangue”, amosando a identidade da cultura galega a través dos seus escritores e, deste xeito, lembrar aos galegos e ás galegas que cruzaron o Atlántico deixando a súa terra atrás na procura dun futuro mellor.