Ante o peche perimetral e a redución nos aforos, o Concello de Boqueixón retransmitirá en streaming a II Xornada de Sensibilización en Violencia contra a Muller. Esta cita é o acto central da programación especial que o CIM (que colabora con Touro e Vedra) preparou con motivo do Día Internacional contra a Violencia Machista (25-N).
A actividade terá lugar este sábado 14 de novembro a partir das 17.00 horas na Casa da Cultura de Camporrapado e só poderá contar con 30 persoas de xeito presencial, cumprindo, así, todas as medidas actuais de prevención contra a propagación da COVID-19 incluídas no decreto sobre o peche perimetral que afecta ao municipio boqueixonés.
As prazas presenciais cubríronse aos poucos días de abrir o tempo de inscrición. Dado o alto interese da veciñanza, optouse por facilitar o acceso a esta actividade a través da canle de YouTube do Concello. As persoas interesadas en seguir esta xornada deberán acceder a través da seguinte ligazón: https://youtu.be/ASuNk36rjqc.
O programa da II Xornada de Sensibilización en Violencia contra a Muller terá como protagonista a Joshua Mateo, que viviu de preto as consecuencias da violencia machista. El é o fillo maior de Sesé Mateo, asasinada en Chapela (Redondela) pola súa ex-parella en febreiro de 2017. O seu testemuño presentarase dentro da sección A realidade da Violencia de Xénero, que dirixirá a psicóloga do CIM de Boqueixón, Yolanda Neira.
Tamén dentro desta sección proxectarase o audiovisual O meu testemuño, a miña loita, que recolle as opinións das mulleres que participaron na xornada do ano pasado: Saladina Carrillo, Noelia Míguez e Emily Rodríguez Santos. Todas elas reflexionan neste breve vídeo sobre os beneficios de ter participado na mesa redonda na que expuxeron as súas experiencias, así como as alianzas xurdidas a partir de dito encontro.
Música, literatura, arte e audiovisual
A II Xornada de Sensibilización en Violencia contra a Muller será inaugurada polo alcalde, Manuel Fernández Munín, e presentada pola directora do CIM de Boqueixón, Cristina Carbajales. O acto contará tamén con música, literatura e audiovisuais.
Así, ofreceranse actuacións do grupo As Efémeras (a cuarteto), que interpretarán tres pezas: Rosalía tan amiga, con letra de Ana Romaní e música de Berto Covelo; As túas mans, con letra de Sesé Mateo e música de Olga Nogueira, e Rancheira pa sobrevivir, tamén de Olga Nogueira.
Por outra banda, habilitarase un recuncho literario onde as persoas asistentes poderán adquirir o libro No camiño do vento. Trátase dunha publicación impulsada por Joshua Mateo na que se recompilan textos e poemas escritos pola súa nai, Sesé Mateo, que dan conta do seu carácter loitador e activista. A recadación destínase a axudar a menores orfos por violencia machista a través do fondo de becas Soledad Cazorla Prieto, de Fundación Mujeres.
Ademais, ofrecerase un espazo para que as integrantes da Asociación Berenguela pola Igualdade de Vedra expliquen o labor que desenvolven. Ao mesmo tempo, o seu testemuño servirá tamén para falar sobre a importancia do asociacionismo rural como medio de loita contra a violencia de xénero.
Como peche á xornada, presentarase o audiovisual Vacínate contra a desigualdade, un documental duns 20 minutos promovido de xeito conxunto polos Concellos de Boqueixón, Touro e Vedra. Neste vídeo participaron tanto crianzas como maiores dos tres municipios –oito, no caso de Boqueixón- e nel búscase reflexionar sobre os estereotipos e roles de xénero, que son a base de toda desigualdade.
A II Xornada de Sensibilización en Violencia contra A Muller tamén ofrecerá a exposición Corpo Ceibe, de Sara Naveiro Mirás, artista de Touro. Non faltará tampouco o tradicional Photocall pola igualdade baixo o lema do CIM de Boqueixón: As mans para loitar, non para ferir. A fala para acariñar, non para anular.
A programación especial do CIM con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero conta co apoio da Secretaría Xeral de Igualdade da Vicepresidencia da Xunta de Galicia e do Ministerio de la Presidencia, Relaciones con las Cortes e Igualdad.