O Concello de Boqueixón vén de recibir a aprobación para o desenvolvemento dun obradoiro de emprego conxunto cos Concello de O Pino, Touro e Vedra. “Este proxecto, financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, conta cun orzamento de preto de 350.000 euros e permitirá a contratación de 20 persoas, cinco por municipio, durante 9 meses”, explica o alcalde boqueixonés, Manuel Fernández Munín.
O rexedor tamén indicou que o Obradoiro de Emprego Boqueixón, O Pino, Touro e Vedra 2020 dará comezo “a mediados do vindeiro mes de decembro. As especialidades nas que se formarán as persoas participantes serán Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e Repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, divididos en dous grupos de 10 alumnos e alumnas.
Do total de 33 actuacións previstas a través deste proxecto, 18 delas desenvolveranse no municipio de Boqueixón. Fernández Munín valora moi positivamente a posta en marcha deste obradoiro e concreta que “a maioría das iniciativas contemplan desbroces e acondicionamentos de distintos espazos e camiños municipais. Deste xeito, traballarase na mellora das áreas e viarios públicos, reforzando as tarefas de prevención contra os incendios forestais”.
Máis concretamente, as actuacións previstas no termo municipal boqueixanés comprenderán podas e melloras na vexetación no Pico Sacro, no parque das escolas unitarias de Codeso e Sergude, no campo da festa de Loureda e na área recreativa de Orto, no aparcadoiro de Igrexa (na parroquia de Boqueixón). Tamén se inclúe o acondicionamento na fervenza, en Codeso, ademais de desbroces nos camiños de Noente-Ledesma, Pazos-Lestedo, Castro-Oural, Santaia-Codeso e Santaia-Vigo.