O Centro de Información á Muller (CIM) de Boqueixón ofrecerá unha programación especial de actividades con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que se conmemora o 25 de novembro. Testemuños, audiovisuais, actuacións musicais, exposicións e presentacións centrarán as propostas organizadas dende o CIM, que aglutina aos municipios de Boqueixón, Touro e Vedra.
O acto central será a II Xornada de Sensibilización en Violencia contra a Muller. Se as condicións sanitarias o permiten, o evento terá lugar o vindeiro sábado 14 de novembro ás 17.00 horas na Casa da Cultura de Camporrapado. Por motivos de aforo, as persoas interesadas en asistir deberán formalizar a súa inscrición a través do formulario en liña dispoñible nesta ligazón: http://bit.ly/XornadaCIMBoqueixon. As prazas outorgaranse por rigorosa orde de inscrición. De non poderse levar a cabo pola situación sanitaria, avisarase coa suficiente antelación e realizarase en liña.
As portas da Casa da Cultura de Camporrapado abriranse ás 16.30 horas para que a entrada ao salón se desenvolva de xeito escalonado. Ás 17.00 horas, o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, procederá á inauguración oficial da II Xornada de Sensibilización en Violencia contra a Muller, á que seguirá unha actuación de As Efémeras (a cuarteto) que interpretarán Rosalía tan amiga, con letra de Ana Romaní e música de Berto Covelo. A directora do CIM de Boqueixón, Cristina Carbajales, presentará o contido desta xornada.
Seguidamente, tomarán a palabra as integrantes da Asociación Berenguela pola Igualdade de Vedra. Na súa intervención, falarán sobre a importancia do asociacionismo rural como medio de loita contra a violencia de xénero, tomando como base o traballo que desenvolven dende esta agrupación.
A continuación, Yolanda Neira, psicóloga do CIM, dirixirá a sección titulada A realidade da Violencia de Xénero. Neste caso, proxectarase o audiovisual O meu testemuño, a miña loita, que recolle as opinións das mulleres que participaron na xornada do ano pasado: Saladina Carrillo, Noelia Míguez e Emily Rodríguez Santos. Todas elas reflexionan neste breve vídeo sobre os beneficios de ter participado na mesa redonda na que expuxeron as súas experiencias, así como as alianzas xurdidas a partir de dito encontro.
Nesta ocasión, o testemuño que se ofrecerá será o de Joshua Mateo, que viviu de preto as consecuencias da violencia machista. Joshua Mateo é o fillo maior de Sesé Mateo, asasinada en Chapela (Redondela) pola súa ex-parella en febreiro de 2017.
O asasinato de Sesé Mateo supuxo para a familia o inicio dunha loita para combater a violencia institucional á que deben enfrontarse os nenos e nenas orfos por violencia machista. Entre as accións levadas a cabo por Joshua Mateo destaca a iniciativa de publicar No camiño do vento, unha recompilación de textos e poemas escritos por Sesé, que dan conta do carácter loitador e activista da súa nai. A recadación desta publicación destínase a axudar a menores orfos por violencia machista a través do fondo de becas Soledad Cazorla Prieto, de Fundación Mujeres.
O espazo central da xornada completarase coa lectura de poemas deste libro. Seguirá unha nova actuación de As Efémeras, coa interpretación de As túas mans, con letra de Sesé Mateo e música de Olga Nogueira.
Presentación de Vacínate contra a desigualdade
Por outra banda, presentarase o audiovisual Vacínate contra a desigualdade. Trátase dun documental duns 20 minutos de duración promovido de xeito conxunto polos tres Concellos integrados no CIM (Boqueixón, Touro e Vedra). Neste vídeo participaron tanto crianzas como maiores dos tres municipios –oito, no caso de Boqueixón- e nel búscase reflexionar sobre os estereotipos e roles de xénero, que son a base de toda desigualdade. Concluirá a actividade cunha nova actuación de As Efémeras, que interpretarán Rancheira pa sobrevivir, de Olga Nogueira.
A II Xornada de Sensibilización en Violencia contra A Muller tamén ofrecerá a exposición Corpo Ceibe, de Sara Naveiro Mirás, artista de Touro. Ademais, haberá un Stand Literario, no que as persoas asistentes terán a oportunidade de mercar o libro No camiño do vento, de Sesé Mateo. Non faltará tampouco o tradicional Photocall pola igualdade baixo o lema do CIM de Boqueixón: As mans para loitar, non para ferir. A fala para acariñar, non para anular.
A programación especial do CIM con motivo do 25-N incluirá tamén a presentación do conto infantil Alén loita e acariña, escrito por Yolanda Neira e ilustrado por Blanca Millán, ilustradora local. O acto está previsto para o propio 25 de novembro na Biblioteca Municipal boqueixanesa ás 17.30 horas.
A publicación, editada polo Concello de Boqueixón, ten como obxectivo, segundo explican dende o CIM, servir de ferramenta que permita a familias e persoal da educación traballar con este público a prevención da violencia a través da lectura.
A programación especial do CIM con motivo do Día Internaciona contra a Violencia de Xénero conta co apoio da Secretaría Xeral de Igualdade da Vicepresidencia da Xunta de Galicia e do Ministerio de la Presidencia, Relaciones con las Cortes e Igualdad.