O Concello de Boqueixón está a executar dúas actuacións de mellora dos espazos públicos municipais. Ambas as dúas obras supoñen un investimento de máis de 60.000 euros e contan con subvencións da Axencia de Turismo de Galicia para a súa execución. Estos dous proxectos favorecen a posta en valor duns espazos que son lugares de interese para visitantes e peregrinos.
A primeira delas comprende a mellora e rehabilitación da contorna do Campo do Río de Ponte Ledesma. “Este proxecto prevé unha mellora desta zona, prestando especial atención á integración na paisaxe poñendo en valor un enclave de gran interese turístico e que atrae cada vez máis visitantes”, explica o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín.
A recuperación da contorna do Campo do Río consistirá en paliar os problemas derivados das enchentes do Ulla e que obrigaron a levar a cabo diversas reformas. Así, procederase ao nivelado do terreo para despois proceder á extensión de 20 centímetros de terra vexetal con sementeira que fomente o crecemento de especies vexetais autóctonas.
Así mesmo, a actuación tamén inclúe a demolición e posterior reposición dos pasais de formigón para o acceso ás Illas de Gres. “Na actualidade, atópanse bastante deteriorados e, polo desgaste, tamén se viu rebaixada a súa altura, polo que, con esta obra, se restaurará a súa altura orixinal favorecendo a accesibilidade ás ínsuas”, concreta o rexedor boqueixonés.
Finalmente, crearase un novo acceso ao Campo do Río, que dará continuidade ao existente nunha das marxes da ponte. Discorrerá por baixo dun dos arcos e habilitarase en adoquín para favorecer a integración na paisaxe.
Nova zona de parada
Por outra banda, o Concello de Boqueixón está tamén a executar o proxecto de acondicionamento da contorna do pavillón municipal de Lestedo. Neste caso, en verbas de Fernández Munín, “o obxectivo desta obra pasa pola creación dunha zona de parada integrada na paisaxe, pensando especialmente que este é un lugar de paso dos peregrinos que percorren a Vía da Prata”.
Para iso, crearase un muro de cachotería con pedra tradicional na pista exterior e na contorna dos antigos vestiarios cun espazo pensado para que poida ser un área de parada para peregrinos. Unha zona que se complementará cunha nova senda que fará as veces de pequeno desvío con respecto ao trazado da Vía da Prata ao seu paso polo pavillón de Lestedo. Nela habilitarase un espazo de descanso con árbores, de xeito que o exterior do polideportivo quede integrado na súa contorna natural.