O Concello de Boqueixón vén de baixar o pano do ciclo de teatro Escena Pequena. Foron máis de cen as persoas que asistiron ás sesións incluídas dentro desta proposta cultural.
A última delas ofreceuse onte na Casa da Cultura de Camporrapado. Neste caso, arredor de 40 asistentes, entre maiores e cativada, gozaron da representación Xan Perillán, compra queixo, compra pan de Os Monicreques de Kukas. Este espectáculo inclúese tamén no programa FalaRedes da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O público, especialmente a cativada, amosouse encantado con esta representación que mesturou clown e pantomima con maxia e monicreques. Todo isto para reforzar a importancia de realizar un consumo responsable, ao tempo que se busca fomentar os hábitos de vida saudable e respectuosos co medio ambiente entre as nenas e os nenos.
Ciclo BocAberta
Unha vez finalizado este programa dirixido ás crianzas, o Concello de Boqueixón organiza para o vindeiro mes o ciclo teatral BocAberta. Dirixido a público adulto, ofrecerá durante novembro tres actuacións que se desenvolverán na Casa da Cultura de Camporrapado ás 17.30 horas. Este programa é posible grazas ao apoio da Deputación da Coruña.
A primeira das citas terá lugar o domingo 1 de novembro co espectáculo de humor Running, da compañía De Ste Xeito. O día 8 será a quenda do Grupo Municipal de Teatro de Ribeira coa comedia O rei Telesforo busca noiva (e quere noivo).
A terceira e última sesión terá lugar o día 15 de novembro, coa posta en escena da obra Tabú, de Tarabela Creativa. Trátase dun espectáculo co que se conmemora o Día contra a Violencia de Xénero e no que se poñen de manifesto vivencias de erótica e sexualidade en épocas pasadas.
As entradas a todas as actuacións serán de balde, se ben o aforo estará moi limitado. Por iso, as persoas interesadas en retirar unha entrada deberán facelo poñéndose en contacto co Departamento de Cultura a través do enderezo electrónico cultura@boqueixon.gal ou chamando ao teléfono 981 513 115.
Dende o Concello de Boqueixón animan á veciñanza a asistir a este segundo ciclo teatral. Do mesmo xeito, lembran a obrigatoriedade de cumprir con todas as medidas de prevención contra a COVID-19 marcadas polas autoridades sanitarias.