O vindeiro martes 6 de outubro o programa documental da TVG “Na mente do asasino” abordará o crime machista de Ana Enjamio Carrillo, veciña de Boqueixón asasinada en Vigo o 17 de decembro de 2016. O documental reconstrúe os feitos acontecidos e vai acompañado dunha mesa de análise posterior na que se reflexiona sobre a violencia de xénero e os retos que a sociedade ten por diante para chegar a previr esta problemática.
Por que ás veces non se denuncian as agresións machistas? Ten o sistema recursos suficientes para axudar ás vítimas? Son os celos unha mostra de amor? Hai un perfil de agresor? A psicóloga do Centro de Información á Muller de Boqueixón, Yolanda Neira Cristobo, xunto a tres profesionais doutros ámbitos vinculados á violencia de xénero, colaborou na mesa de reflexión tentando dar resposta a estas e outras cuestións.
A emisión terá lugar o martes na TVG a partires das 22:30. Todo o contido quedará dispoñible para a súa visualización na tvg á carta: http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/programa/na-mente-do-asasino.