Preto de 200 persoas participaron dende finais de xullo e ata onte no programa de visitas xeolóxicas ao Pico Sacro. Esta iniciativa foi desenvolvida por GeoTur Galicia, en colaboración co Concello de Boqueixón, e consistiu en ofrecer todos os domingos percorridos guiados ás persoas interesadas en coñecer este enclave dende un punto de vista diferente.
A última xornada tivo lugar onte, cunha dobre sesión á que asistiron arredor de 40 persoas. Dende o Concello de Boqueixón amósanse moi satisfeitos “coa excelente resposta a este programa”. As sesións contaron cunha media de 22 persoas. Dado interese por parte do público, estudarase a posibilidade de continuar con esta iniciativa noutros períodos vacacionais aparte do verán.
Segundo indican dende GeoTur Galicia o perfil de visitante foi do máis variado: “Viñeron moitas familias con crianzas, algún blogger, 18 guías de turismo oficiais de Galicia e incluso varias persoas con cans”. No tocante á procedencia, desprazáronse a Boqueixón persoas de distintos puntos da comunidade autónoma, como Santiago, A Coruña, Pontevedra, Ourense, Vigo, Ferrol, Triacastela, Pontedeume, Noia, Muros, Padrón, Cambados, Silleda, Lalín, Arzúa ou Melide…
Dende o Concello agradecen o interese xerado por este programa, que, en todo momento, respectou as medidas hixiénico-sanitarias de prevención contra a COVID-19. Por iso, os grupos de visitantes tiñan un aforo limitado, co fin de cumprir con todos os protocolos de seguridade.