Máis de medio cento de persoas achegáronse onte á Casa da Cultura de Camporrapado para asistiren á estrea do documental Boqueixón. O balcón de Galicia. A cita estivo presidida polo alcalde, Manuel Fernández Munín, que estivo acompañado polo xerente de Xurdir -empresa encargada de realizar este proxecto- Ignacio Seijo.
Na súa intervención, o rexedor boqueixanés agradeceu a “implicación das 13 compañías que participaron neste documental, que pon en valor o importante tecido empresarial e económico do noso municipio. Boqueixón ten todo o necesario para ser punta de lanza en moitos sectores, dende o agroalimentario ao industrial, pasando polo turístico e hostaleiro”, asegurou.
O documental Boqueixón. O balcón de Galicia presenta unha visión do municipio dende o punto de vista das súas empresas. Precisamente o persoal das propias firmas é o que se encarga de explicar o seu labor diario. “Estas empresas son un exemplo de traballo e emprendemento, e contribúen a xerar riqueza no territorio”, concluíu o alcalde.
Como complemento, e para ofrecer unha visión xeral do conxunto do municipio, esta peza audiovisual de preto dunha hora de duración tamén conta cun espazo dedicado a amosar o patrimonio natural, histórico e cultural. Neste caso, o escritor e presidente da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio, Xosé Manuel Lobato, aporta o seu coñecemento sobre estes detalles. O rexedor boqueixanés tivo tamén palabras de agradecemento para el, “por achegar a súa sabedoría, entre outros aspectos, sobre o Pico Sacro, o Camiño de Santiago e a historia do noso concello”.
A peza audiovisual servirá como elemento promocional para dar a coñecer as bondades de Boqueixón. Dende o Concello daráselle difusión por diversas vías (web e redes sociais, principalmente) co fin de amosar o potencial do tecido empresarial do municipio. Ignacio Seijo ademais, ao respecto, que se “creará un código QR para poder acceder directamente” ao documental dende calquera dispositivo móbil.