O Concello de Boqueixón abrirá a vindeira semana o prazo de inscrición para os programas de conciliación previstos para o curso escolar 2020/2021. Madrugadores/as e Tardes educativas e de lecer son as dúas propostas que se desenvolverán todos los días lectivos entre os meses de outubro e xuño nas instalacións do CPIP Antonio Orza Couto, e sempre coa adopción das medidas hixiénico-sanitarias necesarias para cumprir a normativa vixente en materia de prevención da COVID-19.
Ambas as dúas iniciativas diríxense ao alumnado de Educación Infantil, Primaria e Secundaria, así como á mocidade empadroada no Concello de Boqueixón e escolares matriculados/as nun centro educativo do municipio. As persoas interesadas en participar deberán formalizar a súa reserva de praza entre os días 1 e 11 de setembro, entregando a ficha de inscrición correspondente (que se poden descargar nos arquivos adxuntos ou premendo nesta ligazón para o primeiro programa e aquí, para o segundo) no Departamento de Cultura (con cita previa, no 981 513 115) ou enviándoa ao enderezo electrónico cim@boqueixon.gal.
O programa Madrugadores/as ofrece un servizo de acollida, coidado e vixilancia antes do comezo das clases. O horario será de 07.30 a 09.00 horas.
Pola súa banda, as Tardes educativas e de Lecer desenvolverase en horario de 15.30 a 18.00 horas. Este programa, compatible cos cursos de inglés ofertados polo Concello, ofrece dous servizos en espazos diferenciados para atender as necesidades escolares, segundo a demanda de cada familia dentro do horario solicitado despois das clases. Así, ofrécese o acompañamento escolar, con vixilancia e apoio de monitorado especializado e o recreando, que comprende diverso tipo de actividades lúdico-culturais.
O prezo dos programas varía entre os 6 e os 30 euros mensuais (no caso de Madrugadores/as) e entre os 8 e os 40 €/mes (no das Tardes Divertidas e de Lecer), dependendo do número de días de asistencia solicitados. Do mesmo xeito, ofrécese a posibilidade de acudir por xornadas soltas, establecéndose o prezo en 3 euros por día, para Madrugadores/as, e de 4 euros/día para as Tardes Educativas e de Lecer.
Ofrécense unha serie de descontos segundo os ingresos familiares. Do mesmo xeito, as familias interesadas poderán solicitar o comezo das actividades na segunda quincena de setembro, en caso de necesidade de conciliación. Para máis información, pódese chamar ao teléfono 981 513 115 ou enviar un correo electrónico a cim@boqueixon.gal.
Adxuntos
- FichaMadrugadores-as (227 kB)
- FichaTardesEducativasEDeLecer (228 kB)