O Centro de Información á Muller (CIM) organizou un obradoiro de igualdade dirixido a nenas e nenos de entre 8 e 12 anos participantes no programa de conciliación Verán Activo que se está a desenvolver nas instalacións do Forte. Yolanda Neira, psicóloga do CIM, foi a encargada de dirixir esta actividade que tivo como principal obxectivo fomentar a igualdade e previr a violencia de xénero.
A ruleta da sorte é o nome do xogo que serviu como base para que as 14 crianzas participantes “aprendesen divertíndose, adquirindo coñecementos sobre conceptos como xénero, corresponsabilidade, diversidade, igualdade, estereotipo, etc.”, explica Neira. Ao igual que no concurso da televisión, tiveron que ir resolvendo diversos paneis cunha frase oculta relacionados todos eles coa igualdade. Así, propuxéronse temas como Tres películas infantís machistas, Dáse violencia de xénero cando…, Exemplo de estereotipo de xénero, Cando nun fogar están compartidas as tarefas domésticas e a educación das crianzas dise que hai…
A través do propio xogo, “creouse un espazo de reflexión en que as persoas participantes expuxeron as súas experiencias e exemplos de situacións de desigualdade. Ademais, resolvéronse dúbidas sobre certos conceptos que lle eran descoñecidos e que son fundamentais para entender a discriminación por razón de xénero”, concreta a psicóloga do CIM de Boqueixón.
O vindeiro xoves 30 de xullo terá lugar un novo taller co mesmo obxectivo, estender a labor preventiva á poboación infantil. Nesta ocasión estará dirixido a participantes de 4 a 8 anos. Con este grupo desenvolverase un obradoiro interactivo no que, a través do conto Alén, loita e acariña e do Photocall pola Igualdade, se falará de violencia de xénero e acoso escolar, buscando que cativas e cativos sexan creadores de relacións sen violencia.