Unha quincena de mozas e mozos de entre 14 e 18 anos participou onte na primeira xornada do programa Activa ti + eu x nós. A iniciativa, que se ofrecerá durante o presente mes de xullo, está incluída nas propostas de formación de mediadores xuvenís desenvolvidas dende o Servizo de prevención de condutas aditivas e a OMIX de Boqueixón, co apoio da Consellería de Sanidade a través da Dirección Xeral de Saúde Pública.
A primeira sesión deu comezo na área recreativa de Sucira a primeira hora da tarde co obradoiro de xestión emocional na adolescencia e-MOTIVA. A coach Ana Couto foi a encargada de dirixir esta actividade na que se proporcionaron ferramentas, recursos, técnicas e reflexións para realizar unha toma de contacto co desenvolvemento persoal da mocidade. A empatía, a asertividade e a resiliencia centrarán as temáticas tratadas durante este obradoiro.
Esta primeira xornada continuou cunha actividade lúdica e deportiva. A rapazada participante gozou dun descenso en piraguas polo río Ulla. O percorrido estendeuse dende a área recreativa de Sucira ata Agronovo. A iniciativa rexistrou unha boa acollida entre a mocidade asistente.
A seguinte sesión do programa Activa ti + eu x nós desenvolverase o venres 24 de xullo. Tamén se iniciará co obradoiro de xestión emocional, para despois continuar cunha sesión de scape room (de 18.00 a 20.30 horas). A terceira e última proposta está prevista para o día 28 de xullo. A sesión e-MOTIVA combinarase, neste caso, coa actividade graffiteando.