O Concello de Boqueixón vén de abrir as inscricións no programa Activa ti + eu x nós, dirixida á mocidade de entre 14 e 18 anos. Esta iniciativa, que se desenvolverá durante o presente mes de xullo, ofrecerá xornadas que combinarán obradoiros de xestión emocional e actividades de lecer.
As inscricións son de carácter gratuíto e deberán formalizarse no Departamento de Eduación e Cultura ou na Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX). O prazo para reservar praza finaliza o 20 de xullo. Para máis información, pódese chamar ao teléfono 981 513 115.
A primeira das actividades do programa Activa ti + eu x nós terá lugar o vindeiro martes 21 de xullo. Comezará co obradoiro de xestión emocional E-motiva, a desenvolver entre as 16.00 e as 18.00 horas. A continuación, realizarase un descenso en piragua polo río Ulla, entre as 18.00 e as 20.30 horas. O percorrido iniciarase na área recreativa de Sucira e finalizará en Agronovo.
A segunda xornada desenvolverase o vindeiro venres 24 de xullo e tamén se iniciará co obradoiro de xestión emocional, para despois continuar cunha sesión de scape room (de 18.00 a 20.30 horas). A terceira e última proposta está prevista para o día 28 de xullo. A sesión E-motiva combinarase, neste caso, coa actividade graffiteando.
O programa Activa ti + eu x nós está incluido nas propostas desenvolvidas dende o Servizo de prevención de condutas aditivas, que se realiza co apoio da Consellería de Sanidade a través da Dirección Xeral de Saúde Pública.