Augas de Galicia vén de licitar as obras de execución da nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Sergude. Trátase dunha importante actuación en materia de servizos básicos e que conta cunha inversión que supera os 1,8 millóns de euros. O prazo de execución desta obra é de 12 meses.
A presentación de ofertas para a execución desta infraestrutura estenderase ata o vindeiro 23 de xullo. As empresas interesadas poderán consultar toda a información na plataforma de contratos públicos de Galicia.
“Esta nova EDAR suporá unha mellora moi considerable na dotación do servizo de saneamento á nosa veciñanza, xa que contará cunha maior capacidade”, indica o rexedor boqueixanés, Manuel Fernández Munín. O alcalde lembrou que esta obra permitirá mellorar a rede de saneamento e de colectores para unha poboación de ata 3.000 habitantes, triplicando, deste xeito, a capacidade da actual depuradora.
O proxecto desta nova infraestrutura, cuxos terreos foron visitados o pasado mes de agosto -intre ao que pertence a imaxe desta nova-, inscríbese no marco do convenio de colaboración asinado por Augas de Galicia co Concello de Boqueixón. O organismo autonómico encárgase de achegar a maior parte do financiamento e de contratar a execución das obras, mentres que ao Concello correspóndelle o cofinanciamento, a xestión (e cesión) dos terreos para a futura planta de tratamento de augas residuais e asunción da súa conservación e explotación unha vez rematados os traballos. As actuacións contan co cofinaciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.