A Escola Infantil Municipal (EIM) Raíña Lupa de Boqueixón reabre hoxe o prazo de solicitudes para novos ingresos ou renovacións de praza. Os veciños e veciñas terán ata o 30 de xuño para cumprimentar e entregar a documentación precisa.
A EIM Raíña Lupa de Boqueixón disporá, inicialmente, dun total de 53 prazas divididas en catro aulas, á agarda da resolución definitiva da Consellería de Política Social sobre ratios na apertura do novo curso. O persoal deste centro educativo está composto por cunha directora, 4 educadoras e persoal de apoio e limpeza.
Para optar ás prazas, os solicitantes deben estar empadroados/as no termo municipal. A idade mínima é de 3 meses na data de ingreso e a máxima é de menos de 3 anos a 31 de decembro de 2020.
A documentación a achegar coa solicitude é a seguinte:
- Libro de familia.
- Documento de identidade do pai, nai, titores/as ou representantes legais.
- Título de familia numerosa, se é o caso.
- A condición de familia monoparental acreditarase co libro de familia, copia da sentenza de separación, divorcio, nulidade ou medidas paterno-filiais.
- Certificado de empradoamento e convivencia expedido polo Concello. No caso de estar empadroado/a nun municipio limítrofe, deberase presentar volante de convivencia do concello que proceda.
- Última declaración do IRPF ou certificación negativa de Facenda de non tela presentada, e, se é o caso, certificación de prestación económica para desempregados do INEM. No suposto de percibir pensión, certificado expedido polo INSS ou da administración autonómica pagadora da mesma. No caso de nulidade matrimonial, separación ou divorcio, considerarase a renda de quen exerza a garda e custodia do/a menor e as pensións compensatorias que perciba o/a cónxuxe que a ostente e de alimentos dos/as fillos/as ao seu cargo. No caso de non percibirse, deberase acreditar a circunstancia coa copia da reclamación xudicial presentada ao efecto.
- Última nómina, ou, no suposto de profesionais liberais ou autónomos, último recibo de pagamento da cota da Seguridade Social ou certificado da mutualidade profesional.
- Nos casos de deficiencias ou enfermidades alegadas polos membros da unidade familiar, certificado médico acreditativo.
- No caso de minusvalías físicas, psíquicas ou sensoriais, informe do grao de minusvalía, así como da necesidade de integración.
- Documentación acreditativa de incidencias (separación, abandono do fogar, etc.).
- Informe de Servizos Sociais nos supostos que sexan necesarios.
- De ser o caso, xustificante de ter quedado excluído/a das listas de admisión/exclusión do seu concello.
A solicitude e a documentación tanto para novo ingreso como para renovación poderá presentarse a través do rexistro xeral do Concello (previa cita) ou da Sede electrónica sede@boqueixon.gal. Para máis información, pódese chamar aos teléfonos da EIM Raíña Lupa de Boqueixón (981 502 190) ou ao Departamento de Servizos Sociais do Concello (981 513 061).
As persoas interesadas poden consultar toda a información no bando municipal, que se pode visionar premendo aquí.