O DOG de hoxe recolle o acordo sobre a autorización de queima de restos agrícolas nos terreos rústicos. O Acordo do Consello da Xunta de Galicia do día 13 de marzo de 2020, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, no seu punto décimo quinto, establece o seguinte: “Suspéndese a realización de queimas nos terreos rústicos e quedan sen efecto as au- torizacións e comunicacións de queimas xa notificadas ou efectuadas. Igualmente, suspéndese a solicitude de novas autorizacións, así como a posibilidade derealización de novas comunicacións para queimas nos terreos rústicos.”
En Galicia, o uso do lume nos terreos agrícolas, terreos forestais e zonas de influencia forestal vén regulado no establecido na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. No seu artigo 34 regúlase o uso do lume a través de comunicacións e autorizacións de queimas de restos agrícolas e forestais e no seu artigo 36 regúlanse outros usos do lume. E a Lei 3/2007, do 9 de abril, no artigo 36, número 6, recoñece a excepcionalidade por motivos fitosanitarios cando así o determine a autoridade competente.
A actual situación de alarma obrigou a establecer limitación ás queimas reguladas na Lei 3/2007, do 9 de abril, debido aos riscos que as actividades de queima podían supor en canto á súa incidencia sobre a eficacia das medidas sanitarias de prevención de contaxios pola pandemia do COVID-19.
Se ben o 25 de abril, o centro de coordinación operativa acordou que se poderían solicitar autorizacións excepcionais por razóns fitosanitarias para a queima de restos agrícolas amoreados en explotacións profesionais agrícolas mentres dure a situación de emerxencia sanitaria.
Non obstante, a propia extensión da duración temporal do estado de alarma, os datos de evolución positiva da emerxencia sanitaria, as últimas medidas adoptadas polo Goberno central, así como a incorporación de persoal de reforzo para as actuacións de prevención e extinción de incendios por un período de 6 meses, a partir do vindeiro 11 de maio, xunto coa incorporación ao servizo activo dos axentes forestais e do persoal técnico de distritos, permiten retomar xa as actuacións de queimas en terreos rústicos.
Tomando pois en consideración o anterior, o Cecop, por proposta da Consellería do Medio Rural, acorda levantar a suspensión da realización de queimas nos terreos rústicos, suxeitas á obtención de autorización previa, ou á comunicación, segundo corresponda a partir do vindeiro 11 de maio.