Tras o aprazamento dos prazos de cobro de impostos durante os meses de marzo e abril, a Deputación da Coruña vén de abrir a primeira campaña de recadación voluntaria do ano, que inclúe o imposto de vehículos de tracción mecánica (IVTM) en 79 concellos da provincia.
O período voluntario de pago comezou onte, 4 de maio, e remata o vindeiro 1 de setembro, ampliándose en case dous meses con respecto aos prazos habituais co fin de facilitar á cidadanía o cumprimento das súas obrigas tributarias.
O envío de recibos para o pago comezará unha vez levantado o confinamento e o cargo en conta dos recibos domiciliados terá lugar o 31 de xullo.
Para calquera dúbida ou consulta, a Deputación mantén aberto o Servizo de Atención ao Contribuínte a través do teléfono gratuíto 900 132 204 e do correo electrónico atencion.tributaria@dacoruna.gal, así como a Oficina Virtual Tributaria (https://www.dacoruna.gal/servizos-tributarios/oficina-virtual/) na que se poden realizar trámites, consultas e xestións as 24 horas do día, os 365 días do ano.
Tamén pode solicitarse atención presencial mediante cita previa, que deberá solicitarse por vía telefónica, por correo electrónico ou na web da Deputación.