No DOGA nº 72 do día 15 de abril de 2020 sae publicada a RESOLUCIÓN do 13 de abril de 2020 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos proxectos de reorganización produtiva das empresas galegas para a fabricación de equipamento sanitario, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG415A).
O goberno galego destina 2,5 millóns de euros para impulsar a produción na Comunidade de material sanitario, equipos de protección individual, probas de diagnoses, ventiladores e desinfectantes, e os proxectos serán avaliados polo Comité de fabricación de equipamento sanitario. As axudas, de ata 100.000 euros, cubrirán o 75% dos investimentos e gastos que realicen as empresas para adaptar a súa produción.
Este novo programa cubrirá os investimentos e gastos que realicen as empresas para adaptar a súa produción á fabricación dos seguintes materiais: téxtiles sanitarios, equipos de protección individual (máscaras, cortinas, traxes, gorros, luvas e pantallas de protección persoal), kits e consumibles de diagnoses, alcoles e desinfectantes sanitarios, dispositivos de intervención ou tratamento, ventiladores e os seus compoñentes, elementos para a desinfección e outros equipamentos necesarios para a prevención e loita contra o Covid-19 ou o tratamento da enfermidade. A concesión dos apoios, xestionados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, realizarase mediante o sistema de concorrencia non competitiva e en réxime de mínimos.
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 10 de xullo de 2020, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.
Beneficiarios:
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas, entre
as que se inclúen as persoas autónomas, galegas ou cun centro de traballo en Galicia, que desenvolvan nun centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia un proxecto de fabricación de equipamento sanitario.
2. As agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo os proxectos, as actividades ou os comportamentos ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención.
Os proxectos que opten a estes apoios terán que propoñer a obtención rápida dunha primeira remesa de produtos cuantificable, en todo caso, antes do 10 de xullo de 2020.
Para máis información pinchar no seguinte enlace:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200415/AnuncioO92-130420-0001_gl.html