Case 20.000 persoas desfrutaron da celebración da XXXVII Festa da Filloa de Lestedo, declarada de Interese Turístico de Galicia. O Concello de Boqueixón, a Asociación da Filloa e veciñanza da parroquia boqueixanesa envorcaronse na organización da cita na que se combina a proposta gastronómica coa tradición do Entroido dos xenerais da Ulla, tamén declarado de Interese Turístico de Galicia.
A media mañá, no campo da festa comezaron a degustarse as Filloas de Lestedo, soas ou tamén con acompañamentos doces e salgados. A máquina filloeira traballou ao máximo para ofrecer ata 1.600 filloas por hora para cubrir a demanda que deste produto hai ao longo da xornada festiva.
As 12.00 horas, a XXXVII Festa da Filloa de Lestedo celeboru a tradicional Parranda de Entroido no Hotel Vía da Prata para posteriormente guiar ás autoridades ata o recinto da festa. Xa ás 13.30 horas, o xornalista Pablo Portabales pronunciou o pregón da Festa da Filloa de Lestedo, que sinalou que a Festa da Filloa “é a máis xenerosa de Galicia”. O alcalde do Concello de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, presidiu este acto, que presentou, como en anteriores ocasións, a actriz María Mera. O rexedor de Boqueixón destacou na súa intervención que esta é “unha festa moi ligada a promoción da cultura e das tradicións galegas, que interesaría máis alá das nosas fronteiras porque enxalza un produto que é un signo de identidade dos galegos”.
Posteriormente, o alcalde e o delegado territorial da Xunta impuxeron os Mandís de Honra ao pregoeiro, a Lucinda Sousa Mejuto, veciña de Lestedo e filloeira pioneira desta festa, e a Jose Luís Pérez Sánchez, veciño e empresario de Lestedo.
Ás 17.30 horas foi a quenda dos Xenerais da Ulla, que protagonizaron o seu tradicional atranque no campo da festa. Un total de catro xenerais fixeron gala do bo humor e a sorna deste entroido tradicional mediante estrofas rimadas que abordan dende a política, o deporte a calquera tema da actualidade xeral e local.
Actuacións musicais
A música estivo presente durante toda a xornada festiva da man dos grupos e charangas Parranda de Entroido, Pirilampo-Estralampo e Luz do Ilicino. O prato forte chegou dan man das orquestras Gran Parada e París de Noia, que comezaron os seus pases musicais ás 18.30 horas e que duraron ata medianoite.