A Asociación Cultural da Filloa, o Concello de Boqueixón e o centro comercial El Corte Inglés de Santiago presentaron hoxe a acción de promoción da Festa da Filloa de Lestedo, que se desenvolverá os vindeiros dez días na cafetería deste centro comercial. Dende hoxe ata o 29 de febreiro, unha filloeira elaborará en directo este produto tradicional da gastronomía galega tan típico do Entroido.
A iniciativa destas xornadas promocionais presentouse esta mañá nunha rolda de prensa na que participaron os alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, o Director Rexional de Comunicación e Relacións Institucionais de El Corte Inglés Galicia, Pati Blanco, e o presidente da Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, José Manuel Canabal.
Manuel Fernández Munín destacou a implicación de El Corte Inglés nesta labor de promoción da Festa da Filloa de Lestedo, declarada de interese turístico de Galicia. “Poñer en valor a filloa tradicional de Lestedo é un dos obxectivos do equipo de goberno, e con colaboradores como El Corte Inglés é moito máis doado, polo que quero reiterar un ano máis o meu agradecemento polo seu apoio”, sinalou o rexedor.
Pola súa banda, Pati Blanco recalcou que “é un orgullo para El Corte Inglés poder ser o escaparate de promoción dun dos produtos máis representativos do Entroido e de contribuír a manter viva a cultura da nosa cociña tradicional. A Filloa de Lestedo é o mellor exemplo posto que é unha marca de referencia e prestixio da nosa terra”.
Dende hoxe e ata o vindeiro 29 de febreiro, todos os días entre as 13.00 e as 16.30 horas, unha filloeira elaborará en directo as Filloas de Lestedo na cafetería de El Corte Inglés de Santiago. Os asistentes poderán degustar de forma gratuíta as filloas, e ademais poderán levar a súa casa a auténtica receita da filloa de Lestedo, que celebrará a súa gran festa o 1 de marzo en Boqueixón.