Os oito concellos nos que está presente o Entroido rural e tradicional dos Xenerais da Ulla convocan un concurso fotográfico dixital co obxectivo de fomentar a participación e dinamización deste Entroido, un dos recursos etnográficos máis importantes da bisbarra, e que foi declarado Festa de Galicia de Interese Turístico dende o ano 2013. As fotografías deberán representar o Entroido de calquera dos oito concellos que participan neste evento: Boqueixón, A Estrada, Santiago de Compostela, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces.
O obxectivo do concurso é premiar as mellores instantáneas, as máis divertidas, as máis espectaculares e orixinais realizadas por calquera persoa en calquera momento da celebración do evento. As fotos deben reflectir a idiosincrasia deste Entroido tradicional, tendo en conta os diversos elementos que o conforman, como pode ser as máscaras dos diferentes elementos, os xenerais, correos, abandeirados, os coros, etc., resaltando a perspectiva de xénero e idade dos participantes.
Anímate a participar co teu móbil ou coa túa cámara de fotos e comparte a túa experiencia nesta festa. Non se premiará necesariamente que as imaxes sexan de gran calidade técnica, senón que se terá en conta a orixinalidade e valoraranse positivamente aquelas que reflictan mellor os aspectos máis significativos do evento.
Consulta as bases abaixo recollidas onde atoparás a información necesaria sobre os participantes, as fotografías, o sistema de participación, votacións, elección de gañadores/-as e premios.
Adxuntos
- BASES (29 kB)