A Asociación Cultural da Filloa e o Concello de Boqueixón organizaron un obradoiro de cociña para nenos e nenas de entre 7 e 12 anos. A receita que aprenderon a facer durante esta xornada é unha das máis tradicionais de Boqueixón, a da filloa de Lestedo. Ao obradoiro asistiron un total de once rapaces e rapazas, que entre as 17:00 e as 18:00 horas despregaron todas as súas dotes culinarias.
O obxectivo principal desta actividade é implicar ás xeracións máis novas do concello na celebración dunha das festas máis importantes da localidade. Unha festa que foi declarada de interese turístico de Galicia, e que cada ano atrae a máis persoas. Do mesmo xeito, este obradoiro pretende salvagardar a receita tradicional da Filloa de Lestedo, que xa se converteu nun referente da gastronomía galega.