A Secretaría Xeral de Igualdade publicou no Diario Oficial de Galicia do 2 de xaneiro de 2020 tres convocatorias de axudas para mulleres vítimas da violencia de xénero.
En primeiro lugar, para a prevención e o tratamento integral da violencia, segundo o previsto no artigo 39 da Lei 11/2007 do 27 de xullo. Serán beneficiarias desta prestación periódica, que pode solicitarse ao longo de todo o 2020, as mulleres maiores de idade ou emancipadas, vítimas de violencia de xénero en relación de convivencia e de dependencia económica do agresor ou no caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual, de dependencia da persoa que mantivese sobre ela unha relación de dominación. Ademais, deberán cumprir cos requisitos de ter cesado a convivencia co agresor no intervalo temporal que comprende os 12 meses anteriores, estar empadroada e ter residencia efectiva na comunidade galega, e se son estranxeiras, ter permiso de residencia, carecer de recursos económicos e ser estes de contía insuficiente para afrontar unha independencia inmediata do agresor. As axudas son de entre 200 e 800 euros ao mes, ata un máximo de doce mensualidades.
Tamén se publicaron as axudas en base ao establecido no artigo 27 da Lei Orgánica 1/2004, de 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero e no artigo 43 da Lei 11/2007, de 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. Os requisitos son os mesmos, se ben neste caso tamén se require que a solicitante teña especial dificultade para obter un emprego e que careza de rendas que superen o 75% do SMI vixente no cómputo mensual. O importe desta axuda será o equivalente a seis meses do subsidio por desemprego vixente, e pode prolongarse doce, dezaoito ou vinte e catro meses en función das rendas ou ingresos, das responsabilidades familiares ou do grao de discapacidade da solicitante e/ou familiares ou menores acollidos a cargo. O prazo de presentación destas axudas comprende dende o 3 de xaneiro ao 30 de novembro de 2020 no caso da Lei Orgánica 1/2004, e ao 31 de outubro no caso da Lei Galega 11/2007.
E, a terceira das axudas son unha indemnización económica, dirixidas as fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, así como a mulleres que resultaren gravemente feridas como consecuencia dunha agresión por violencia de xénero. Neste caso, o prazo de presentación de solicitudes é do 3 de xaneiro ao 30 de novembro de 2020.
Para máis información chamar ao CIM do Concello de Boqueixón, teléfono: 981 513 061, correo electrónico cim@boqueixon.gal ou ben na Secretaría Xeral de Igualdade, teléfonos 881 999164, 981 545361, correo electrónico vx.igualdade@xunta.gal.