O DOG do luns 20 de xaneiro recolle a Orde do 18 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2020 e se procede á súa convocatoria (DOG nº 12 do 20/01/2020). As solicitudes poden entregarse dende o 21 de xaneiro ata o 10 de marzo de 2020 nas Xefaturas Territoriais da Consellería de Política Social, na sede electrónica da Xunta – https://sede.xunta.gal-, ou nos rexistros establecidos. Poden ser beneficiarios desta axuda aquelas persoas con fillas ou fillos menores de tres anos, ou persoas que teñan a súa custodia.Para solicitar esta axuda hai estar empadroado en Galicia e convivir cos nenos ou nenas.
Este é o último ano que se convoca esta axuda, posto que queda incluída na nova Tarxeta Benvida posta en marcha polo goberno autonómico, cuxa información recolle o mesmo DOG. Así, xa está publicada tamén a Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nados, adoptados/as ou declaradas en situación de garda con fins adoptivos no ano 2020 e se procede á súa convocatoria. De novo podese presentar a solicitude tanto presencial como en liña, no DOG recollense todos os documentos que hai que entregar. O prazo de solicitude é de dous meses contados desde o día seguinte a aquel en que se produce o nacemento ou se dita a resolución administrativa ou xudicial para os supostos de garda con fins adoptivos e de adopción. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día do nacemento ou do día en que se ditou a resolución de adopción ou de garda con fins adoptivos.
A Tarxeta Benvida supón unha ampliación da axuda, a que poden acceder familias con renda igual ou inferior a 22.000 euros, que terán dereito á axuda no segundo ano de vida e ata que o neno ou nena faga tres anos, ou ata que se cumpran tres anos do ditado da resolución de adopción ou garda con fins adoptivos. A Tarxeta Benvida poderá ser utilizada en farmacias, parafarmacias, supermercados, tendas de alimentación e establecementos de puericultura ou especializados en produtos para a infancia.
Para máis información: Departamento de Servizos Sociais do Concello de Boqueixón (981 513 106)