O director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e cos alcaldes de Boqueixón, Manuel Fernández, e de Vedra, Carlos Martínez, supervisaron o resultado das obras do innovador complexo de turismo enolóxico de Boqueixón, beneficiario das axudas do Leader.
Esta iniciativa foi promovida pola entidade Enoturismo María Manuela e contou cunha axuda de Agader, a través da medida Leader, e que xestiona o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Compostela. Así, a entidade recibiu no ano 2018 unha subvención que acadou o 44% do custe total do investimento, algo máis de 175.000 euros.
Este complexo oferta ata 18 prazas de aloxamento singular, na modalidade de apartamentos en 6 cabanas de madeira integradas na paisaxe, coa finalidade de promover un turismo especializado nas zonas de produción vinícolas que consiste en coñecer desde dentro o mundo do viño: adegas, viñedos, elaboración e historia.
Así, Miguel Pérez Dubois destacou que nos terreos nos que se implantou este complexo existe unha plantación de viño albariño en produción, amparada na D.O. Rías Baixas, e está previsto que nunha segunda fase se constrúa unha bodega de produción e presentación do viño na propia finca, para logo poder ampliar a 12 as cabanas de madeira e así duplicar a oferta de prazas neste proxecto.
O director xeral subliñou que o obxectivo deste proxecto foi ofertar un servizo diferenciado a través dunha arquitectura singular, poñendo en valor unha zona rural de gran beleza pola que discorren dúas rutas de peregrinación, ademais de fomentar actividades de carácter lúdico-creativas en contacto coa natureza.