A Xunta de Galicia desenvolverá obras de mellora do firme e da sinalización da Ruta da Prata ao seu paso polos concellos de Vedra e de Boqueixón. O delegado territorial da Xunta en A Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou a zona este martes, acompañado polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín e polo rexidor de Vedra, Carlos Martínez Carrillo. O presuposto para estas actuacións é de máis de 90.000 euros, e permitirá a preparación desta Ruta Xacobea de cara ao Ano Santo 2021.
As actuacións están encamiñadas a mellorar os treitos do roteiro que presentan máis danos, coa apertura de cunetas, execución de gabias, construción de pasos de auga e perfilado da explanación para recibir o novo firme. En concreto, neste tramo acondiciónanse 815 metros de camiño non asfaltado que se atopan en mal estado pola acción da auga.
Ademais, o proxecto tamén contempla a mellora da sinalización, incorporando novos fitos de pedra nos cruces necesarios. Os fitos que xa estaban ben colocados están a ser limpados e instalaranse novas cunchas de cerámica e placas quilométricas, ao igual que se sinalarán os cruces coa estrada N-525 para unha mellor seguridade viaria.
O delegado territorial tamén destacou que para potenciar a Vía da Prata, as comunidades de Galicia, Andalucía, Extremadura e Castilla e León puxeron en marcha un plan que inclúe a petición de que sexa recoñecida como Patrimonio da Humanidade.