Máis de 120 persoas achegáronse onte á Casa da Cultura de Camporrapado para gozaren dunha tarde de risas coa posta en escena da obra Urxencias. Esta é a terceira ocasión en que o Club de Maiores de Boqueixón representa esta peza –desta volta, dentro do Ciclo de Teatro de Outono organizado polo Concello, pero non por iso deixou de causar gran expectación entre a veciñanza.
Novamente, as aventuras e desventuras dentro da sala de Urxencias conquistaron ao público boqueixanés, que non deixaron de aplaudir ás persoas protagonistas desta representación. Dende o Club de Maiores de Boqueixón xa están a traballar nunha nova obra que estrearán o vindeiro ano.
O Ciclo de Teatro de Outono do Concello de Boqueixón concluirá este sábado 14 de decembro coa posta en escena de Criaturas, de Roberto Vidal Bolaño. O Grupo de Teatro do Concello de Ames protagonizará esta última sesión coa que se porá o broche a cinco intensas fins de semana de artes escénicas.