Preto de 200 persoas acudiron onte á Casa da Cultura de Camporrapado para participar na I Xornada de Sensibilización en Violencia contra a Muller, acto central da programación con motivo da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller (25N). Organizada polo CIM de Boqueixón, co apoio da Secretaría Xeral de Igualdade da Vicepresidencia da Xunta de Galicia e do Ministerio de la Presidencia, Relaciones con las Cortes e Igualdad, a iniciativa tivo como principal obxectivo visibilizar a realidade da violencia de xénero e concienciar sobre a responsabilidade que toda a sociedade ten na erradicación deste problema.
Tras unha breve presentación desta xornada por parte da directora do CIM boqueixanés, Cristina Carbajales, o alcalde, Manuel Fernández Munín, tomou a palabra para facer fincapé nesta concienciación. “Debemos loitar entre todas e todos para acabar con esta lacra da nosa sociedade”, afirmou, ao tempo que agradeceu a todas as persoas que participaron no desenvolvemento desta iniciativa a súa “implicación”, sen a cal non tería sido posible.
A xornada, que rexistrou unha gran acollida, tivo como acto central unha mesa debate moderada pola psicóloga do CIM de Boqueixón, Yolanda Neira. Tres mulleres sobrevivintes á violencia de xénero falaron das súas respectivas experiencias. Mª Saladina Carrillo Míguez (da parroquia de Gastrar); Noelia Míguez Vázquez (de Boqueixón), e Emily Rodríguez Santos (novelista de Ponte Ulla, no veciño municipio de Vedra) foron as protagonistas desta sesión na que compartiron os seus desgarradores relatos. Unhas vivencias que se combinaron coas explicacións de dúas profesionais directamente vencelladas a este eido, Aroa Mareque Rubio, axente policial da Unidade de Atención á Familia e Muller de Santiago de Compostela (UFAM-Protección) e Mª Susana García Lema, avogada especialista en violencia de xénero.
Os roles da tradicional sociedade patriarcal na que o matrimonio debe permanecer unido pase o que pase, o medo e o peso da familia foron algúns dos temas que se puxeron sobre a mesa. “A vida é só unha e temos que vivila. Eu só a puiden apreciar cando vin a morte de preto”, afirmou unha das participantes na mesa debate.
Como contrapartida, a valentía destas tres mulleres que foron quen de enfrontarse a ese constante maltrato tanto físico como psicolóxico. Aínda que non se trata dun camiño nada sinxelo, todas elas coincidiron á hora de asegurar que se pode saír dunha situación de violencia de xénero. O primeiro paso é a denuncia para despois iniciar unha dura travesía ata a final liberación.
“É difícil facelo, e sobre todo, manterse despois na decisión”, concretou outra das relatoras. Para isto, o apoio da familia, das amizades e incluso da veciñanza resulta fundamental. “Unha vida pode depender de que unha persoa mire ou non para o outro lado”, aseguraba unha das participantes.
Neste senso, dende o CIM de Boqueixón apelaron á “responsabilidade” que toda a sociedade ten na loita contra este problema. “Os minutos de silencio tamén se deben utilizar para pensar que podemos facer por esta causa”, concluíu a psicóloga do CIM.
Música, fotografía e literatura
A I Xornada de Sensibilización en Violencia contra a Muller incluíu tamén música, fotografía e literatura. A primeira das disciplinas artísticas veu da man da pianista Sofía Silva Carbajales e da violinista Marina Vidal Míguez. Ambas as dúas interpretaron distintas pezas musicais. Ademais, Silva interpretou o rap Facer fronte á violencia, mentres que Marina Vidal, se encargou de cantar da peza Que non mo neguen, de Tanxugueiras.
Pola súa banda, Sara Pardo Lareo presentou o seu traballo fotográfico BlasFemia. Trátase dunha colección de sete instantáneas nas que pretende amosar os pecados capitais en torno á figura da muller na sociedade actual. A mostra poderase ver entre o vindeiro 25 de novembro e o 20 de decembro na Casa do Concello de Boqueixón.
Finalmente, Emily Rodríguez Santos presentou ante as persoas asistentes a súa primeira novela Calas Blancas. Unha obra que se puido adquirir e comentar no stand literario habilitado na Casa da Cultura de Camporrapado.
Tamén houbo espazo nesta I Xornada de Sensibilización en Violencia contra a Muller para realizar unha breve homenaxe a Ana Enjamio, moza boqueixanesa vítima de violencia de xénero. A través do audiovisual, Ana sempre está aquí, comigo realizouse un repaso pola súa vida e sobre como a violencia machista dilapidou o seu futuro.