O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, e o delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro, visitaron esta mañá a cooperativa de confección Baiuca. Localizada na parroquia de Ponte Ledesma, esta empresa vén de incorporar unha nova socia, sendo agora seis as integrantes da mesma.
Fundada hai preto de 34 anos, a cooperativa Baiuca realiza labores de confección de prendas de vestir. A compañía acolleuse ás axudas APROL da Consellería de Economía, Emprego e Industria, recibindo, deste xeito, subvencións tanto pola incorporación dunha nova cooperativista como pola posta en marcha dun contrato laboral.
Tanto o rexedor como o delegado territorial animaron ás traballadoras desta cooperativa a seguir desenvolvendo o seu labor. “O cooperativismo é un modelo de traballo perfectamente asentado na Comunidade e no que a economía galega confía cada vez máis, grazas á súa aposta polas persoas e pola promoción da cohesión tanto social como territorial”, indicou Ovidio Rodeiro, quen concretou que as axudas APROL chegaron a un total de 12 cooperativas e sociedades laborais de municipios da bisbarra compostelá (máis concretamente, a Ames, Arzúa, Boqueixón, Melide, Negreira, Santiago e Teo). O investimento total foi de algo máis de 353.000 euros destinados a 26 contratos laborais e 27 incorporacións de novo persoal na condición de socio.